domingo 17/01/21

Ghaitas

Foi necesario inventar o termo Galituiter para facer fincapé nese colectivo minoritario de persoas que chían en galego. Digo chían e evito a primeira persoa porque, como xa comentei noutra ocasión, eu non sempre o fago. E por iso, pola miña culpa, e tamén por outras máis repartidas, continúa a ser tan minoritario. Pero, como o Twitter, ás veces o mesmísimo Galituiter é quen de sorprenderme. Está unha tan fresca repasando as novas coronavíricas do día cando atopa unha polémica tan viva como absurda sobre as persoas que escriben con gheada. 

“Con gheada! Pero que fas escribindo con gheada? Que cres, que non te imos entender?”. Pensei na primeira vez que fun a Portugal, cando atopei un grupo de nenas e nenos cos que comecei a xogar. Falaban con ese seseo e esas aspiracións tan da Costa da Morte que eu considerei máis que propias. E sentín que xogaba na casa. Hoxe, das un paseo por Compostela e igual atopas ese colega galegofalante de toda a vida, gheadiño de sempre, falando un galego neutro. Ou, aínda máis grave, falando castelán. Esa é para min a polémica e a derrota máis bestial do noso tempo actual, e non escribir ghrasias.

Mais hai quen se farta da leria do normativismo e reivindica a súa fala, a súa variante, o seu sotaque, en todos os ámbitos da vida. Tamén na escrita se a grafía así llo permite. E eu, aínda coa loita de se falar ou non falar galego nos espazos que me petan, entendín que non hai galego correcto. O galego correcto non é o normativo. Iso é para as consellerías. O galego incorrecto é o que non se fala, o que non se escribe. E todo o demais son ghaitas.

comentarios