Opinión

Dereito a informar

O presentador de Al Jazeera Abdisalam Farah apareceu en directo coa voz crebada para facer o que ningunha das persoas que profesionais dos medios desexaría facer xamais: anunciar a morte da familia dun compañeiro baixo as bombas. O reporteiro palestino Wael Al-Dahdouh levaba semanas informando sobre os bombardeos israelís en Gaza. Como xornalista e como palestino sabía ben da magnitude do asedio e das súas posibles consecuencias.

Quizais por iso, e especialmente despois das advertencias de Israel dunha incursión terrestre, tomaron a decisión de que a muller e as dúas crianzas que tiñan en común, residentes no norte de Gaza, se trasladaran ao centro. Pero nada valen os avisos e as precaucións cando un Estado non cumpre coa súa palabra.

As imaxes estarrecedoras dun Al-Dahdouh desolado ante os corpos da súa muller, o seu fillo e a súa filla saíron uns minutos despois e deron a volta ao mundo. Non foron as únicas persoas asasinadas da súa contorna. Sacando forzas dese lugar que ninguén sabe onde está nin como se activa, o reporteiro de Al Jazeera tivo a lucidez de denunciar alto e claro que o asasinato da súa familia "é parte dos continuos ataques contra mulleres e crianzas en Gaza". Algunha xente da prensa engadiu que se trataba de outro tipo de represalia contra a prensa por parte do Estado de Israel.

Dende o pasado 7 de outubro, polo menos 21 profesionais da prensa foron asasinados en Gaza, segundo a Federación Internacional de Xornalistas. Salema Mukhaimar, Saed al-Halabi, Mohammed Imad Labad, Ibrahim Lafi, Said al-Taweel. Nomes e apelidos, persoas con familia, historia e traxectoria que, porén, contamos como números ante a incapacidade de dixerir a sangría de miles de civís entre os cascallos.

O resto de xornalistas, aqueles que non residen no campo de exterminio no que Israel converteu o territorio no que vive boa parte da poboación palestina, permanecen namentres tras os muros da Franxa agardando que alguén lles permita oír, ver e informar. Se a prensa que estaba en Gaza antes dos ataques de Hamás é os ollos dos bombardeos no mundo, Israel está a facer todo o posible para que o mundo quede cego. Alén dos medios que teiman en trasladar un discurso favorable aos intereses de Israel e os Estados Unidos, o xornalismo que aínda existe, que resiste, que malvive, continúa chamando á porta do dereito a informar.

Comentarios