Opinión

As contas de Besteiro

Gómez Besteiro vén de vivir a súa semana máis arroupada desde que se converteu no candidato socialista a presidir a Xunta. Rexedoras, ministras e até o mesmísimo presidente do Estado a quen lle fregan décimos da lotaría no lombo déronse cita arredor do lugués nunha convención que fixeron coincidir en Galicia a un mes do 18-F.
No discurso de Besteiro, e tamén no de Pedro Sánchez, resoou a palabra progresismo e brillou pola súa ausencia a de presidente.

Saben que, de perder o PP a maioría, ao PSdeG non lle dan os números para liderar a Xunta, cun candidato que non puido selo antes e unha Ana Pontón rodada e forte. O foco de Besteiro está nunha participación que augura máis beneficiosa canto máis alta, e chama a reeditar o voto socialista do 23 de xullo. Sabendo, aínda que disimule, que a lectura estatalista adoita descadrar as contas.

Comentarios