Opinión

Cancelación e democracia

Hai cousa de oito anos, o humorista alacantino Jorge Cremades acadaba o maior dos éxitos nas redes sociais cunha serie de vídeos curtos en formato sketch. Neles abordaba os pormenores das relacións de parella e moitas situacións cotiás nas cuadrillas de amizades ou nas noites de troula que apelaban, cun estilo de parodia e arremedo, a toda unha xeración milenial. Eran os inicios do vídeo de consumo rápido como formato rei en todas as plataformas.

Como adoita acontecer, a medida que Cremades incrementaba o seu éxito aumentaban tamén as críticas. Os seus vídeos comezaban a resultar repetitivos e o seu humor, manido, especialmente por unha razón: o cómico servíase de tópicos nos que asumía unha visión sumamente machista do mundo e as relacións, un aspecto no que había remedo, pero non crítica. O actor asumía, aceptaba e divulgaba un panorama no que o obxectivo vital das mulleres era quedar embarazadas e amarrar os homes cun grillón, e onde calquera home que se retirase cedo para estar coa súa parella era un “maridolas”.

Cremades atopou en fronte o que estaba a piques de se converter na cuarta onda do movemento feminista e a homes que non se sentían identificados naquela masculinidade de macho ibérico. Algunhas das funcións que representaba en teatros e salas comezaron a ser obxectivo de protestas e a deixar de recibir financiamento público. Foi entón cando nunha entrevista afirmou, provocador e xa a calzón quitado, que “hai máis violacións a homes que a mulleres”. No inicio do texto, a entrevistadora aseguraba sen despeitearse que no humorista non había intencións nin política. Aqueles días, os agresores machistas seguían violando e asasinando.

A única certeza sobre a cultura da cancelación sobre Jorge Cremades, como tamén de outros como Álvaro Reyes, Auronplay, Naim Darrechi ou El Xocas, é que non existe. Todos están aí, divulgando para o seu público, porque nunca foron cancelados, senón democraticamente contestados. E hoxe compiten nun espazo afortunadamente máis diverso que o que había hai case unha década. Lonxe de seren suprimidos, están representados nesa política que nega a existencia da violencia de xénero e sabota os minutos de silencio, retira bandeiras LGTBi+ e censura películas e obras de teatro no nome da liberdade, cun discurso que pretende ser único e cancelar, eles si, a todo o demais. A democracia, se lles deixan. E sen un chisco de humor.

Comentarios