Opinión

Apósitos e despropósitos

Javier Milei comezou o seu periplo político ante o mundo arrincando adhesivos dun taboleiro. Con raiba, dilixencia e desprezo, cada anaco de papel retirado representaba un ministerio do executivo de Alberto Fernández que o do Partido Libertario se propoñía eliminar. Alá foron as mulleres, o xénero e a diversidade, o medio ambiente, a educación, a cultura, a saúde ou a ciencia. "¡Afuera!", berraba Milei con cada tirón.

Aquel despropósito, hoxe feito realidade, lembroume a escena do primeiro episodio de Mareas Vivas na que Petróleo, o entrañable dono do bar de Portozás, lle arrinca ao novo e descoñecido xuís o apósito da fronte que lle tapa unha ferida. "Vai dunha ves, eh? Raca!", dille xusto antes de tirar para tratar de minimizar a dor do pegamento que se resiste a desapreixar a pel. Esa brutalidade, coñecida por todo o mundo, non sae como desexamos cando, baixo o adhesivo, hai unha ferida que aínda non pechou.
Non pensei naquel momento que o que se ía converter no presidente da nación arxentina estaba a desvelar moito máis sobre el mesmo cos adhesivos do que pretendía. Na súa visita a España e cun nulo respecto ás institucións, Javier Milei fíxolle un "¡afuera!" ao presidente do Goberno. Reuniuse coa extrema dereita, fotografouse cos empresarios, todos homes, capitaneados por un xefe da patronal española incapaz de xustificar a aberración da imaxe, nin da cita.

Milei estercou sobre a xustiza social, demonizou o socialismo e insultou o presidente do Goberno. Creada a axitación, acusou Pedro Sánchez de meterse "debajo de la pollera de las mujeres" e afirmou ser agredido "por las distintas mujeres del espacio", en alusión ás críticas de Yolanda Díaz ou Diana Morant. Como se unha ministra, sobrecualificada en moitos casos –como tantas mulleres que, porén, non cren estalo abondo–, non fose unha voceira á altura dun dirixente con ínfulas de grandeza que, motu proprio, decidiu saltar todos os protocolos.

O apósito é o símbolo máis acaído para trazar a personalidade política de Javier Milei. Baixo o seu adhesivo de discursivo liberal agóchase unha ferida aberta, escura e supurante, unha mancadela que para o mandatario arxentino parece ter moito que ver co medo e o odio ás mulleres, ás persoas pobres e a quen, pola súa idade ou condición, non se lle pode dar un uso produtivo. Un apósito a levantar dunha ves. ¡Afuera!

Comentarios