Opinión

Liberdade, 'carajo'

O goberno de Javier Milei vén de anunciar a prohibición do uso da linguaxe inclusiva e a aplicación da perspectiva de xénero en toda a Administración pública da Arxentina. En concreto, o seu Executivo menciona a imposibilidade de empregar "a letra e, a arroba, a x e evitar a innecesaria inclusión do feminino en todos os documentos"; e, en abstracto, evitar a aplicación desa perspectiva de xénero que, a xulgar polos razoamentos expresados polo ultradereitista e ultraliberal antes e despois das eleccións, merecería un remate digno de "sexa o que sexa tal cousa".

Non deixa de sorprender esa prohibición da linguaxe e a perspectiva igualitaria por parte do Executivo de Milei, a pesar dos indicios que nos foi aportando antes de ser presidente. Nun vídeo que correu como a pólvora, o Javier Milei máis desaforado arrincaba dun taboleiro varios adhesivos co nome dos ministerios que, baixo o seu criterio, debían eliminarse. "Ministerio de Cultura, ¡afuera! Ministerio de Ambiente y Desarrollo Sostenible, ¡afuera! Ministerio de las Mujeres, Género y Diversidad, ¡afuera!". Lembroume a un choque mental da miña infancia, co cazador arrincándolle ao can unha carracha sen a mínima intención de reducirlle a dor ao animaliño que gardaba a casa e o triunfal sorriso de despois.

No taboleiro Milei deixou, aparte de Economía, Xustiza e pouco máis, Seguridade, Defensa e Interior, tres ministerios que poden ser lidos cunha función protectora ou represiva, dependendo das mans nas que caian. As mans de Javier Milei. E culminaba a función co xa célebre "¡Viva la libertad, carajo!".

Resulta todo un paradoxo que o candidato dun partido chamado Libertario chegue ao goberno prohibindo, no referido á linguaxe inclusiva, o que ata o momento só é unha recomendación, das académicas, das asociacións feministas, das Nacións Unidas e que xa practicamente todo o mundo obviaba. Nin a RAE se atreveu a tanto.

No tocante á perspectiva de xénero, non é máis que unha nova patada, e pola vía oficial lexitimada nas urnas, ao dereito á vida das mulleres, con todo o que calquera retroceso en igualdade nos supón. Convén lembrar que tamén no noso país abundan os defensores de liberdade que, como Milei, ven a medida prohibitiva con bos ollos, sen ser necesariamente ultras, nin dereitistas, nin liberais. Son, simple e complexamente, uns machistas. ¡Viva la libertad, carajo, de mandar la libertad al carajo!

Comentarios