Opinión

Andorra

Cando era unha nena tiña claro que o día que atopase o amor iriamos a Andorra. A culpa era de Anabel Alonso e o programa que presentaba en TVE ao que os participantes acudían para atopar parella. Se o conseguían, o premio era unha viaxe a ese microestado con funiculares, restaurantes e un cóctel romántico no aire, para celebrar que se gustaban –ou para decatarse de todo o contrario. Quizais Andorra era o último destino romántico que a unha se lle podería ocorrer, mais a presentadora era quen de transmitir todo o contrario a unha rapaza de seis anos a finais dos noventa.

O día que, por fin, puxen un pé no principado descubrín que, lonxe de chamarme a atención os restaurantes ou as pistas de esquí, o que me deixaba coa boca aberta eran os prezos do tabaco. 1,90 euros o paquete de Chester en 2009, se non me falla a memoria. Unha ganga, pensaba, mentres no grupo de colegas decidiamos mercar un cargamento de cartóns. Que mal sabía aquel tabaco e que gustiño máis agradable lle daba o prezo. “É polos impostos”, concluía a espelida do grupo. E aí remataba a conversa.

Andorra rexurdiu co meu afán polo xornalismo, o famoseo e os delitos fiscais, e aí entendín para que servían os impostos que tanto proen ás do soldo de seis cifras. Hai uns días, un mozo de ollos saltóns que anunciaba Fanta e que hoxe ingresa varios millóns anunciou que marchaba a Andorra e abriu un debate sobre os impostos, deses que non teñen discusión e que só a xente con posibles (moitos) é quen de converter en algo discutible. Se o tivese diante, diríalle que vaia buscar o amor. Non desgrava, pero como enriquece.

Comentarios