Opinión

A trenza

En moitas casas, gárdase unha trenza como quen garda un tesouro. Non é este un descubrimento con base científica, senón a conclusión persoal de distintas conversas con mulleres de diversas idades e procedencias, todas cun punto de partida común que aparece por primeira vez no mundo rural. Todas, ata a máis urbanita, sabemos ou estamos preto de coñecer a historia dunha trenza vencellada a algunha da nosa familia, da nosa contorna. Da nosa orixe. A trenza da muller maior –ou non tanto– que dobraba o lombo sobre a terra, a que transitaba polos camiños cargada de vultos, a da nai, a avoa ou a bisavoa, oculta ou asomando baixo o pano nas fotos antigas do único fotógrafo itinerante que as retrataba.

Algunhas custodian aínda hoxe a súa propia trenza da nenez, atada cunha cinta e gardada nun caixón, sempre sometida ao escrutinio e á constatación do moito que se parece á dalguén que nos precedeu e que nola deixou para sempre. A trenza como símbolo de unión, de memoria e de arraigo antes que de estética.

N’A trenza (Rinoceronte, 2021), a novelista francesa Laetitia Colombani conta a historia de tres mulleres de diferente orixe e condición unidas, sen sabelo, polo cabelo dunha delas, que o sacrifica todo para que a súa filla non teña que recoller os excrementos das castes superiores de Badlapur. Como se non houbese distancias, nin cores, nin diferenzas sociais, os tres guechos do seu peiteado acaban por conectalo todo nunha harmonía desigual e inesperada.

En Cesto de trenzas (La Bella Varsovia, 2018), a potencia poética de Natalia Litvinova parte da aldea bielorrusa onde medraron a súa nai e a súa avoa e crea un universo entre o máxico e o real que nos resulta estrañamente familiar. Mentres nós gardamos as trenzas nun pano, nunha vasilla ou nun moble, elas “guardan el cabello/ que se cortan/ en un cesto de trenzas”.

Hai moita tradición oral e moita literatura sobre as trenzas das mulleres, e practicamente todas conflúen nunha descrición que pouco ou nada ten que ver cunha natureza decorativa. Cando se procura un significado histórico da trenza, non existe unha explicación perenne ou definitiva, mais sempre aparece a palabra orixe e pivota o peso da memoria, da tradición, da relación entre as que foron e as que somos. Como para que teñamos presente que, dalgún xeito, estamos entrelazadas como o cabelo dunha trenza.

Comentarios