Opinión

'As mentiras do vento. O disparate eólico', por Bruno Centelles

Desde hai xa algún tempo, intensificado nestes últimos días –e non precisamente por causa do "tren de borrascas"- vimos sufrindo o acoso dunha moi ben organizada e calculada "ofensiva proeólica" que, con máis forza que razón, desde os principais medios de comunicación de masas os gobernos da Xunta e do Estado, os empresarios e inversores, articulistas, columnistas, e algún que outro sesudo sindicalista pretenden influír na cidadanía con todo tipo de notas e artigos en contra das recentes decisións do TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) a propósito da "cuestión eólica".

É certo que a nivel ideolóxico-argumental calquera tema é discutible. Iso é o lóxico, o lexítimo e o desexable. Pero sempre con transparencia, honestidade e respecto entre as partes e coa intención de chegar a acordos asumibles. E no caso da implantación de complexos industriais eólicos privados polo país adiante non había de ser menos.

Esta lóxica discusión mantense no tempo na denominada "vía administrativa" na que os promotores interesados presentan e defenden os seus macroproxectos, a Xunta e o goberno central apoian estas propostas e os medios de comunicación de masas bendícenas, un día si e o outro tamén procurando ocultar a opinión da cidadanía activa organizada que mantén os seus argumentos contrarios a semellante disparate.

Unha vez esgotada e pechada a "vía administrativa" coa resposta negativa da Xunta aos recursos de alzada corresponde abrir a "vía xudicial" coa presentación, por parte das organizacións cidadás das correspondentes demandas diante do TSXG.

Corresponde entón á Sala 3º do Contencioso-Administrativo do TSXG, da que fan parte cinco maxistrados e maxistradas, emitir fallo sobre cuestións eminentemente xurídicas. Non é agora o momento de falar de bondades nin de afeccións. Estamos en sede xudicial, señores e señoras. Nada máis e nada menos que na máis alta instancia da xustiza galega, na sala do Contencioso-Administrativo.

Estamos no momento de decidir se un comportamento, documentado por todas as partes, está ou non dentro da legalidade.

Se o procedemento é axustado ao marco legal seguirá o seu curso. Se o procedemento non se axusta ou incumpre o marco legal será anulado.

Nunha sociedade democrática resulta indignante comprobar como determinados axentes cuestionan as decisións xudiciais cando non son do seu agrado, chegando mesmo a poñer en dúbida a integridade de determinados maxistrados. Inaceptable!

Ese "grupo promotor" formado por políticos de todos os niveis, inversores, promotores, construtores, medios de comunicación afíns, estómagos agradecidos e últimamente mesmo sindicatos, basea as súas accións no control das mellores armas e ferramentas. Manipulan a realidade e falsean os datos na defensa dos seus intereses. Traballan en grupo, organizan as súas estratexias, fabrican e utilizan as armas que precisan e, aínda non satisfeitos, violan reiteradamente o marco legal que eles mesmos previamente deseñaran!

E, polo momento, isto é todo, señorías!

Bruno Centelles García (Nigrán)

Comentarios