Opinión

'Épica', por Dionisio Pereira

Hoxe, espertei cun artigo publicado no periódico Público por un xornalista chamado Juan Oliver; un dos moitos que escriben con óptica hispana e superficial coñecemento do país. A fin de contas, Oliver vén dicir que, tras un debate sen emocións, ou lle metemos épica á campaña electoral, ou o PP recunca. Se acaso ten un chisco de razón e, no debate en cuestión, botamos en falta un algo de instinto asasino para desarborar definitivamente a Rueda. Quizais. Porén, épica non falta, mais nese debate ben podería se converter nun revoltallo de "zascas" (algo que aprecian moito na meseta) e dar lugar a ese "barullo" que tanto precisa o PP para afianzar o seu relato de "o yo o el caos". Mais, na Galiza, onde é que está esa épica básica, compañeira de toda mudanza que se gabe?

Hai que estar chosco para non vela na delongada vitalidade conflitiva da maioría sindical (a CIG), que nos sitúa á par de vascos, madrileños e cataláns; para non albiscala na capacidade de convocatoria popular que na Galiza ten a defensa do territorio; para non vela nos devezos de cambio que están detrás das dúas manifestacións multitudinarias (a do mar e a da sanidade pública) que encheron o Obradoiro en menos de un mes; para non enxergala na capacidade xenerosa de procurar nas grandes ocasións a unidade dentro da diversidade soberanista, cando toda a esquerda española transmuta en xanela de grilos.... Na Galiza, a épica está na teima a prol do que nos une como pobo. Velaí a correntada que vén de moi atrás e serve de sustento a calquera mudanza política que, máis cedo ou máis tarde, permitirá transformar o país. O noso país.

Dionisio Pereira (Cerdedo)

Comentarios