Opinión

'É correcto dicir "escritores de noso"?', por Ramón Anxo Martíns Seixo

Actualmente, en especial nos últimos anos, é moi frecuente lermos cousas como arte de noso, cidades de noso, historia de noso, lingua de noso, literatura de noso, novela de noso, músicos de noso, poeta de noso, xeografía de noso etc. Un dos lugares onde teño visto máis isto é no suplemento cultural do FDV e comprobo que, de maneira nada crítica, esta práctica se vai espallando e participan nela mesmo profesores de galego aos que se lles supón coñecemento da nosa gramática. Xaora que non ouviremos nada diso a falantes de toda a vida.

A cuestión é a seguinte: as gramáticas e os dicionarios que tratan este aspecto, definen as formas a que nos referimos (de meu, de teu, de seu, de noso, de voso, de seu), así 1) “da propiedade exclusiva e efectiva da persoa ou persoas da(s) que se fala ou da(s) que escoita(n)” e 2) “por el, ela, eles, elas, vostede ou vostedes mesmos, pola súa propia natureza”. Centrémonos na primeira acepción; a condición para que se poida empregar este posesivo enfático, como o definen algúns gramáticos, é que se refira a unha propiedade alleábel (bens, casa, apartamento, terras, gado, carro, moto etc). Iso é o que podemos achar nos autores que podemos chamar antigos. Como na cantiga popular que recolleu Saco e Arce en 1881: Miña nai dos traballos, / ¿para quen traballo eu? / Traballo, mato o meu corpo, / non teño nada de meu. Ou neste poema de Manuel Leiras: Matouse por ter xugada, / carro, e chouza, e bes de seu; / e así que a tivo lograda, / deulle a da morte… e morreu. Tamén podemos rastrexar en autores portugueses o uso do posesivo enfático, aínda que hoxe en día non parece que teña moito uso.

Un exemplo de que non se poden usar indistintamente o posesivo normal e o chamado enfático (de meu etc.) podemos velo neste exemplo tirado do suplemento antes aludido: As revoltas irmandiñas acabaran coa existencia de multitude de castelos, torres e fortalezas de noso. Eran da nosa propiedade? De certo que non. Daquela habería que usar o posesivo normal (nosas).

Outro exemplo. Con respecto ao substantivo “casa” debe ficar claro que aquela en que eu vivo, non sempre é da miña propiedade, polo que “a miña casa” e “casa de meu” non sempre son o mesmo. Un caso moi claro témolo con “cuarto” no título do famoso ensaio de Virginia Woolf A room of  one’s own que foi traducido ao galego como “Un cuarto de seu”, cando o que a autora nos quer dicir non é que a muller precise un cuarto da súa propiedade, senón un cuarto para ela soa, un cuarto propio, para ler, para estudar, para escribir. Daquela, coidamos que a tradución debería ser “Un cuarto propio” ou “un cuarto para min/ela”, “un cuarto só para min/ela”.

Deixemos, pois, de empregar esta invención moderna e usemos “de meu, de teu etc.” só cando nos referimos a unha propiedade alleábel e en contraste co posesivo normal. Non a xeneralicemos a casos en que só ten sentido empregarmos o posesivo “meu, teu, seu etc.”

Ramón Anxo Martíns Seixo (Vigo)

Comentarios