Opinión

'Claves para o futuro do BNG', por Celso Xavier Milleiro Sánchez

Pese ao importante avance acadado polo nacionalismo cun voto plural máis en galego, atopámonos coa saída da néboa electoral que nos fixo visualizar nitidamente que o PP mantén un muro ao cal non se lle provocou nin tan sequera unha fenda, cando menos visíbel.

Para os que temos anhelos de cambios e apostamos por unha Galiza de seu e mellor, temos o deber de analizar cales son as causas, variadas e complexas, desta conxuntura que na miña modesta opinión parten dun control obsceno e inmoral dos medios de comunicación da Galiza, co aporte da caverna mediática estatal, seguido dunha rede clientelar moi forte que se move axilmente cando observa que pode perder o poder e que actúa como correa de transmisión do medo, da mentira e da manipulación para conseguir os seus obxectivos.

Xa sexan aos propietarios de explotacións agro-gandeiras, aos donos das fincas de eucaliptos, aos donos de alugueiros, dos compoñentes dos corpos de seguridade do Estado, do uso noxento do terrorismo para facer política, etc saben enganar a un electorado ao que non chega o aparato e as bases do BNG, amosando esta fraxilidade e certa inocencia. Non chegamos a unha franxa de votantes que ten medo ao cambio e prefire votar polo “malo coñecido que o bo por coñecer”, unha filosofía impregnada nos diferentes estratos sociolóxicos tradicionais do pobo galego.

Pese ao traballo desenvolvido pola organización frontista non só na campaña electoral senón durante todos estes anos tras a traumática Asemblea de Amio e co histórico apoio popular acadado, o BNG ten que analizar con humildade e intelixencia cales son as causas desta fortaleza do PP e levar adiante as estratéxicas e tácticas pertinentes.

A cuestión non é cambiar o que se está realizando (traballo na rúa e parlamentar), senón mellorar e/ou reforzar algúns aspectos. Permítaseme dúas cuestións claves, se cadra:

1. A importancia de dotarmos dun medio de comunicación forte con grande influencia nas redes sociais polo que é necesaria un maior aporte económico do xa feito pola base social nacionalista, tendo en conta outras experiencias.

2. Medre e formación de máis cadros políticos. Mais é esencial que a Organización tamén saia do cuartel xeral compostelán e acuda máis polo miúdo ás localidades, e non só ás comarcas, reforzando aínda máis a estrutura da fronte, moi necesaria para poder provocar fendas no muro que a derrube dunha vez por todas.

Comentarios