Opinión

'O civismo: un valor en caída libre', por André Piñeiro

Semella que vivimos nun mundo que dá importancia só á riqueza material, á aparencia antes que á realidade e á forma ante o contido. Numerosos exemplos no noso día a día parecen confirmar esta teoría: desprezo cara á cultura e o coñecemento nas súas diversas formas, faltas de respecto ante os maiores, os menores ou os iguais, carencia de empatía e consideración cara os máis débiles (mesmo habendo lazos de parentesco de por medio), etc.

O feito de que a unha persoa se lle inculquen uns valores elementais para a convivencia democrática non é unha imposición, como parecen crer moitos, senón unha necesidade para quen ha de vivir nunha sociedade, respectando aos demais e convivindo con eles.

Cando un observa o estado de moitas rúas, inzadas de desperdicios abandonados deliberadamente, ou a existencia dunha violencia social e criminalidade ante a que ninguén fai nada, pregúntase se realmente pertencemos á especie máis desenvolvida do planeta. 

Por outra parte, deberiamos descartar a acusación frecuente (e pouco xusta) de que esta perda de valores se debe aos máis mozos, pois non escasean os adultos e maiores aos que podería aplicárselles esta observación.

Atopar un equilibrio entre as liberdades persoais e as dos demais é fundamental para evitar as consecuencias nefastas que estas actitudes poderían ter. Do contrario, vémonos abocados a sobrevivir nun mundo no que, como dixo Ortega y Gasset, o individuo crese posuidor "de todas as liberdades e de ningunha obriga". De todos nós depende predicar co exemplo.

André Piñeiro González (Vilagarcía)

Comentarios