Opinión

'Carta aberta a Ánxeles Vázquez', por Xosé M. Penas Patiño

Prezada conselleira: a foto da primeira páxina do xornal Nós Diario do sábado 6 de abril chama a atención. Nela un grupo de persoas con caras satisfeitas a carón dunha idílica paisaxe tratan de transmitirnos o seu convencemento de que as terras onde se ubica unha celulosa non sofren deterioro. Como en tempos pasados cando unha empresa resulta cuestionada socialmente polas súas consecuencias ambientais nada mellor que coller uns cantos persoeiros e levalos a un punto estratéxico onde a natureza semella resistir incólume á actividade do capital. A fórmula é vella: unha viaxe gratuíta, unha comida xeitosa e unha noite nun bo hotel, todo regado con constantes sorrisos e promesas de farturas e beneficios. Fai ben a pasteira Altri, ou como se chame, en tratar de levar adiante o seu proxecto, ao fin e ao cabo como ocorre en calquera negocio o que pretende é investir uns cartos e obter uns beneficios, cantos máis mellor, e se esa conta de resultados aumenta a custa de deterioros ambientais ou de causar problemas a outros sectores que se lle vai facer, como xa dixo outro coñecido persoeiro: “Es el mercado, amigo”.

A empresa xoga o seu papel. O que non é admisible é que os representantes da cidadanía, fosen alcaldes ou sexan conselleiros, non sexan escrupulosos ata a extenuación na valoración das consecuencias derivadas da ubicación de certas empresas nun territorio. Galiñas serán, pero chéirame a can. Outra das coñecidas fórmulas do sistema é: “Faime o favor, que xa cho terei en conta”. Velaí unha Beatriz Mato ou un Carlos del Álamo e outros representantes públicos (?), aqueles en quen no seu día confiamos a auga que bebemos, o ar que respiramos, os alimentos que comemos, precisamente eses que tiñan que traballar por un medio ambiente en condicións, ben instalados e recibindo as prebendas derivadas do seu paso pola política. E que chova, que son catro días. Quixera pensar que a satisfacción dos persoeiros da dita foto non deriva de mala fe, ambición ou irresponsabilidade, senón da súa ignorancia.

É posible que especial edafoloxía do terreo ou a presenza de endemismos botánicos na Ulloa non lles digan nada, así mesmo non saberán o que é a pintiga rabilonga Chioglossa lusitanica, nin que para a preservación do mexilón de río Margaritifera margaritifera e da auganeira Galemys pyrenaicus lévanse facendo campañas desde hai anos pola súa delicada situación, o mesmo ca o leirón de río Arvicola sapidus, antes común e hoxe na lista vermella da UICN, por non falar da regresión do salmón ou do reo. Só lles faltaba unha celulosa. Sra. conselleira, por favor, lea aínda que sexa só unha vez, o decreto 88/2007 do 19 de abril da súa Consellaría. Deixo para outros a consideración, desde logo non menos importante, das consecuencias para os que viven (e beben) nos concellos da Arousa norte ou para esoutros empresarios que dependen dunha boa produción de moluscos filtrantes, léase mexillóns ou ameixas, organismos aos que indubidablemente chegarán os contaminantes de Altri. Con persoeiros como os da foto, ou como os que pisan moqueta en certos despachos e usan os cartos de todos en medrar personalmente a custa de empobrecer ambientalmente o país así nos vai.

Atentamente:

Xosé M. Penas Patiño (Rois), ex-presidente da Sociedade Galega de Historia Natural

Comentarios