Opinión

'As bólas de plástico nas praias', por Xosé Bieito Coello

A Xunta e os Concellos galegos son administracións para resolver os problemas da xente galega, por iso non se entende que cando acontece un problema grave como é o das bolas de plástico nas nosas praias, o goberno do PP na Xunta perda moito tempo sen actuar e tratando de esquivar o tema. Isto débese tamén a que ao non acontecer en outras comunidades como Madrid, o problema parece menor nos medios de comunicación.

O Estado, ou se fose necesario a Unión Europea, tamén teñen que actuar cando a competencia é deses organismos, ou axudando ás administracións que o soliciten. Un exemplo claro é o dos lumes, cando estes se producen, os Concellos actúan urxentemente cos medios que teñen, tamén actúan os equipos da Xunta e cando fai falla pídeselle axuda ao Estado para que preste máis equipos. Pois este caso é o mesmo. O PP é moi dado a non asumir as súas competencias, e incluso cando outros partidos como o BNG piden as transferencias que se contemplan no estatuto, o PP sempre se opón, e despois quéixanse como pasa coa lei de Costas.

E respecto a que as bolas de plástico non son tóxicas, mellor, mais son contaminantes, pois como calquera plástico vanse esfaragullando ata entrar na cadea dos animais mariños e o final chegan ata a alimentación das persoas, por iso hai que facer todo o posible por eliminalas, e que o Estado e a UE pidan responsabilidades aos culpables desta desfeita.

Xosé Bieito Coello (As Pontes)

Comentarios