Opinión

'Boa xestión?', por Xabier Campos Villar

A gora que estamos ás portas dunhas novas eleccións autonómicas gustaríame rebater con tres exemplos que me caen próximos o mantra da boa xestión do PP ao temón da Xunta de Galiza, inicialmente a cargo de Núñez, recentemente na persoa de Rueda.

O primeiro ten que ver coa Consellaría de Política Social, que en máis de 12 meses non foi quen de iniciar o proceso de valoración do grao de dependencia, solicitado pola vía de urxencia, dun parente próximo que padece unha doenza grave.

O segundo refírese á demora de Medio Rural con respecto a unhas indemnizacións por danos en propiedades de familiares acontecidas durante un incendio en 2016. Naquel momento solicitouse o pagamento dos danos provocados pola aterraxe dun helicóptero no medio dunha leira de millo e tamén os derivados do paso de maquinaria pesada arrasando valados de peche, marcos e árbores en leiras de monte. A Consellaría resolveu no verán de 2023 conceder as indemnizacións solicitadas, pero aínda non se procedeu ao pagamento por “ter esgotado o orzamento”, di a explicación oficial.

O terceiro exemplo ten de protagonista a Consellaría de Educación, incapaz de pagarnos aos membros dos tribunais das oposicións de profesorado de ensino medio na convocatoria 2022 até nove meses despois de rematado o proceso, cando tiveramos que adiantar os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención nas sedes de celebración das probas.

Tres exemplos que amosan a pésima xestión de quen leva administrando a autonomía nas últimas lexislaturas. Das galegas e dos galegos de ben dependerá que as cousas muden a partir do 18-F ou que sigamos con esta (indi)xestión.

Xabier Campos Villar (Rois)

Comentarios