Opinión

'As bibliotecas non pagan', por Elisa I. López Rodríguez

A raíz da polémica suscitada polas declaracións do escritor Javier Castillo gustaríame facer algunhas puntualizacións. As bibliotecas públicas non reciben gratuitamente os libros que teñen nos seus fondos, senón que os mercan a librarías, editoriais e distribuidoras.

Na Lei 10/2007, da lectura, do libro e as bibliotecas, está recollido que como excepción, pódese facer até un 15% de desconto no prezo fixo se o consumidor final é unha biblioteca. Pódese, pero non é obrigatorio, polo que en moitos casos pagan o mesmo prezo que a clientela dunha libraría. Lembremos que as bibliotecas dependen dun orzamento (escaso case sempre) e que son contados os casos de institucións ou particulares que envían as súas obras como doazón.

Ademais, as bibliotecas de municipios que superen os 5.000 habitantes deben aboar o canón de préstamo á entidade privada sen “ánimo de lucro” CEDRO (as propias bibliotecas, os Concellos, as Deputacións ou as comunidades autónomas), 0,05 euros por usuario inscrito e 0,004 euros por libro prestábel.

Non vou entrar na importancia ou relevancia da existencia das bibliotecas públicas, pero algúns esquecen que elas son os escaparates onde se ofertan primeiras obras ou pouco coñecidas e ninguén lles paga por eso.

Nos últimos datos publicados polo Ministerio de Cultura, en España están censadas 6.458 bibliotecas, das que 391 están en Galiza.

Unha bibliotecaria de pobo.

Elisa I. López Rodríguez (Ourense)

Comentarios