Opinión

'Ángel Nogueira Dobarro', por Helena Miguélez-Carballeira

Ángel Nogueira Dobarro
photo_camera Ángel Nogueira Dobarro.

O 25 de novembro, no seu apartamento de Bogotá, finou Ángel Nogueira Dobarro, intelectual galego moi pouco coñecido entre nós. Nado en Cangas en 1933, foi cativo labrego, fillo de xastre e costureira rurais no Morrazo da Segunda República, estudante de bacharelato en Vigo, doutorado en psicoloxía clínica pola Universidade de Roma, fundador da histórica Editorial Anthropos en Barcelona e dinamizador da edición académica en Colombia a través do seu labor como fundador da Editorial Siglo del Hombre (hoxe Siglo), do colectivo Nascencia e no seo da Asociación de Editoriales Universitarias de Colombia.

Malia este monumental labor organizativo, o seu nome rara vez figura nas cabeceiras destes e doutros moitos proxectos dos que foi principal dinamizador. A súa vocación era a de se fundir co traballo grupal, en compromiso cos principios da acción colectiva.

Coñecino grazas á xenerosa benvida que me brindou a súa compañeira, Juanita Saenz. No seu fogar bogotano admirei a biblioteca, un arquivo vivo da súa dedicación á pesquisa crítica nutrido tamén de referencias sobre a Galiza, incluíndo ensaios de Dieste, Castelao ou da antropóloga Lourdes Méndez, autora dun estudo pioneiro sobre a muller rural galega en 1988. Na lingua primeira de Ángel limos Rosalía, quen nos axudou a celebrar a un tempo o encontro e a despedida. Sabemos que na leira da casa familiar de Ángel en Cimadevila hai un limoeiro que aínda dá froitos a quen pasar, como o xeneroso legado que el deixa.

Helena Miguélez-Carballeira (Vigo)

Comentarios