Opinión

'A Galiza do cambio', por Xián Antón Lorenzo

Unha vella pantasma percorre a nosa conciencia de pobo, a pantasma do cambio real. Esta realidade tanxible foi retratada maxistralmente por Stephane Hessel na súa obra "Indignádevos"!, na que pon de manifesto que a dignidade non debe esmorecer entre as brétemas da cobiza. Outro ilustre intelectual con rostro de político senlleiro, Xosé Manuel Beiras, narra no seu libro "Exhortación á desobediencia" que a revolta cívica é a revolución que garante a liberdade na España dese curral nubrado, nas verbas de Valle-Inclán.

A  gran vencedora nos comicios galegos foi Ana Pontón e o BNG, cun resultado histórico tras a ardua travesía polo deserto após de Amio; logrando unha transversalidade do voto galeguista ao focalizarse máis no ámbito social e económico que no eixo nacional, sendo positivamente valorada polos votantes de todo o espectro ideolóxico e constatando, en diversas enquisas, que é a que mellor defende os intereses da Galiza, incluso entre os simpatizantes do PPdG.

Porén, os perdedores evidentes son o PSdG, un partido que personifica o cadro de Goya "Saturno devorando ao seu fillo". Ademais, Podemos áchase en vías de extinción, tendo menos apoio que o Pacma, e Sumar segue a ser unha marca branca mediática sen aparato real, quedando por detrás da extrema dereita de Vox.

Por conseguinte, cal é a estratexia do triunfo do PPdG? Non se trata de cualificar aos votantes de ignorantes ou á xente maior como herdeiros das tradicións atávicas, isto sería impropio dunha análise rigorosa e unha falta de respecto aos cidadáns. Porén, as liñas mestras dos conservadores son a capacidade de penetrar en todos os ámbitos da sociedade galega, coa poderosa maquinaria cultural, social e mediática; xunto cos vasos comunicantes coas elites extractivas.

Polo tanto, somos o pobo galego conservador? Nada máis lonxe da realidade: o principal sindicato, a CIG, é progresista; somos das comunidades que presenta un maior rexeitamento da monarquía e febles ligazóns coa Igrexa, que se observa na declaración da renda; alén, en cinco das sete grandes cidades a esquerda ten máis apoio que a dereita, xunto co gran resultado do BNG no motor económico e produtivo de Galicia, a ría de Vigo. Polo tanto, como se manifesta nas diferentes eleccións, os votos á esquerda adoitan superar aos da dereita decimonónica; mais o sistema electoral, que sobrerrepresenta o voto rural; tradúcese nas maiorías baldías dos inmobilistas.

Por conseguinte, Galiza só merecerá respecto cando abandonemos a nosa mansedume, como ben afirmaba o gran Castelao; xa que as persoas que son indiferentes ás inxustizas son como esas figueiras que nacen ao bordo dos precipicios. Non é o pobo o que recolle os froitos, senón os corvos e os boitres.

Xián Antón Lorenzo (Ribadavia)

Comentarios