Opinión

Xiros de guión

Chega a última semana de campaña electoral. Xa non teremos enquisas públicas e as derradeiras marcan unha tendencia de cambio imparábel. Os acertos do nacionalismo e os erros da dereita sitúan o PP ao bordo dun ataque de nervios constante. Tal é o pánico, que teñen agochado o seu candidato, secuestrados os medios públicos de comunicación galegos e transitan entre falar da amnistía ou subir Puigdemont ao seu bus electoral. De feito, agora sabemos que hai tempo que subira.

Os xiros de guión son moi propios das series máis actuais das plataformas televisivas. Entendo que é un recurso para manter a sempre escasa atención das persoas espectadoras. Non obstante, son menos comprensíbeis os xiros da dereita neste proceso electoral. Un candidato, que é presidente logo de anos de vicepresidente, non pode fuxir do debate público. Se non é quen de defender a súa xestión, que oferta de futuro pode facer? Dá igual que sexa gris ou realmente malo na oratoria, alguén que goberna e aspira a gobernar está na obriga non só moral senón política de defender a súa xestión pasada e futura coas outras forzas políticas. Que Rueda dixera estar disposto a un cara a cara con Pontón e logo, cando se pode materializar, dea un paso atrás, ten unha palabra que por decoro non vou empregar neste texto. Prefire parapetarse na descualificación que debater sobre propostas.

Esta semana, en concreto o venres, Defende a Galega chegará aos trescentos 'Venres Negros' de denuncia da situación de manipulación que se vive na CRTVG. Pensemos no que isto significa e implica. Trescentas semanas traballadoras e traballadores defendendo que a información plural e veraz é un dereito. Cuestión que levou a que moitas e moitos sexan perseguidos ou estigmatizados nos seus postos de traballo. A súa implicación en termos de calidade democrática é de tal magnitude que para o PP o seu control convértese na súa mellor ferramenta electoral.

Por último, o PP calculou o adianto electoral como forma de evitar falar de Galiza e coa vista posta nos supostos réditos dun debate estatal sobre Cataluña e a amnistía. De súpeto, xusto cando as listas de agarda da Atención Primaria nos nosos centros de saúde, a emigración da mocidade ou a industrialización e a investigación do país entran en campaña da man do BNG descubrimos que a dereita non sabe se a amnistía é mal porque non a capitanea Feijóo na Moncloa, mal en si mesma ou mal porque xa todo é mal.

Futuro, solvencia e sorriso é a contrapartida que oferta o nacionalismo. Unha campaña marcada polas propostas, as gañas de mudar o país e a reconciliación do nacionalismo galego que sempre marcou a unidade e a defensa do noso como folla de ruta. De aí, que desta volta tanto ten o número de visita de ministros, ministras, presidentes, ex presidentes, líderes e lideresas alén do Padornelo. A ilusión está en nós. Nunha mocidade que ten ganas de cambio, nas mulleres e homes que apostan por unha presidenta. Teremos xiro no guión. Para facer historia!

Comentarios