Opinión

Violencia vicaria: datos para esquecer

Os titulares solápanse semana tras semana. Detrás deles hai noticias, detrás feitos e persoas. Entre guerras, dor, crispación política e eleccións varias voan os días. A velocidade da realidade atravésanos ata deixarnos exhaustas ou anestesiadas. Di unha amiga que a calma é un privilexio, estou de acordo. Nin tan sequera temos calma para albiscar o que implica algún deses titulares que atrapan a nosa atención durante uns segundos, pode que ao sumo uns minutos. 

Hai unha semana a prensa falaba de que en catro meses foron asasinados máis nenos e nenas no Estado español pola violencia vicaria que durante todo o ano pasado ou os anteriores. Sete crianzas. O titular produce arrepío moral. Terríbel ou incompresíbel son as cualificacións que empregamos no momento de conmoción no que lemos a noticia e, como se dun maleficio cósmico se tratase, volteamos a páxina do xornal. O certo é que os datos das violencias machistas son máis que datos, seguen a interpelarnos sobre a lentitude coa que muda a sociedade. Sobre a capacidade que temos para normalizar como cotiá cifras de asasinatos que noutros contextos reuniría a un gabinete de crise institucional.

As políticas de igualdade teñen un longo recorrido e conseguiron avances sociais importantes. Non obstante, existe unha certa parálise na súa proxección de cara ao futuro. Que mudou nas escolas e nos planes de estudo? Que materias temos sobre igualdade en primaria, secundaria, bacharelato ou nos ciclos formativos? Ningunha. A súa docencia, ao igual que a educación afectivo-sexual depende única e exclusivamente da boa vontade do profesorado. Xa non falo das universidades, onde as persoas que investigan en temas de feminismo ou xénero teñen que ver como se consideran cuestións de segunda orde académica. 

Co novo-vello Goberno galego a Igualdade volve á casa de saída, outra vez tócalle compartir espazo con servizos sociais. Logo de pasar por varios departamentos volvemos á fórmula de hai unhas décadas. Diráseme que isto é irrelevante, mais non o é. Unha distribución administrativa fálanos de enfoque, intereses e prioridades, tamén orzamentarias. Como ben sabemos, o simbólico é moi importante. As violencias machistas seguen a ser negadas por unha parte da sociedade. A crítica fica a nivel de rexeitamento moral. Si, algo terríbel, como unha pandemia. Mais seguimos sen afondar na dimensión política que permite que o machismo se reproduza día a día na sociedade e, por suposto, nas escolas. A violencia vicaria é unha forma moi eficaz de control sobre as mulleres. Tanto, que ese titular da semana pasada para algunhas mulleres é igual que unhas cadeas que lles impide tomar decisións ou intentar tomalas. O medo sempre é moi eficaz, o medo a que lles pase algo ás criaturas é tremendamente eficaz.

Coñecer o dato seguro que encolleu o corazón dalgunha mulleres. Agora o dato habita entre as noticias terríbeis que pasada unha semana non mudaron nada. Nin sequera a consideración política que os gobernos teñen da Igualdade e o Feminismo.

Comentarios