Opinión

Somos do Clube da Galega

Por fuciños, por cacheiras. Por xeración non me tocou, mais tiven a sorte de vivir co meu irmán pequeno a ilusión polo Xabarín, o carné e os aniversarios. A súa foi unha xeración orgullosa de ser Xabarín. Pola contra, hoxe esa estela semella moi lonxe. Se escoitamos nas rúas de Vigo unha crianza falar galego, case que viramos a cabeza. De feito, a xente moza pide nas aulas os textos en castelán ou non son quen de facer un comentario filosófico con corrección en galego. Os materiais educativos e os produtos audiovisuais na nosa lingua son un ben moi escaso ou, incluso, en ocasións inexistente. O desleixo do goberno por este tema é paralelo ao descaro na manipulación da televisión pública. 

Estamos ante unha compañía que eliminou os contidos infantís en galego ao tempo que incrementaba o seu nivel de ocultación das propostas críticas co goberno. Van xa cinco anos de loitas das traballadoras e traballadores, a piques de chegar aos trescentos venres negros denunciando unha dirección espuria e o incumprimento da lei. As persecucións do persoal e a manipulación da radio e a televisión galega son unha constante que nos indigna, mais que xa non sorprende. Xa poucas cousas sorprenden. Nin sequera o descaro dun programa como Land Rober dedicado a Rueda. A forxar unha imaxe de presidente a quen lle farían falta moitos programas, ou case unha canle propia, para conseguir ese milagre.

De novo está na rúa unha recollida de sinaturas para o cumprimento da iniciativa Xabarín, aprobada por unanimidade no Parlamento en 2021. Nada fixo o goberno galego por cumprila, a oferta audiovisual segue en nivel de mínimos, a programación infantil e xuvenil non chega ao 0,9% e fica reducido á segunda canle. Neste momento, cunha presenza tan grande da imaxe, non apostar por esta iniciativa é mostra da vontade política do PP. Agardamos que os éxitos dos filmes en galego actúen a modo de tabán na parálise do goberno.

Sobre a manipulación pouco que dicir, agardar que un novo goberno teña como prioridade o cumprimento da lei e devolva o carácter de servizo público a unha radio e televisión chea de moi bos e boas profesionais fartas de verse amordazadas e perseguidas. Vivimos un momento importante para o xornalismo comprometido coa información e a verdade. Asistimos, por fin, a unha posta en valor da importancia do rigor e o traballo ben feito. As últimas décadas sucumbimos como sociedade a idea de que daba igual, que a información sempre é parcial e que a mentira non tiña custo. Semella que algo está mudando neste punto. 

Remato este texto escoitando o discurso de Rueda prometendo o que non fixo a dereita en catorce anos. Empregando o Parlamento galego para falar de Madrid e iniciar a campaña electoral. A mocidade galega que xa non coñece o Xabarín enfróntase a un paro xuvenil do 28,74%, ao abandono do interior sen recursos nin servizos públicos e a unha crise demográfica aguda. Todo perfecto para asistir a un programa de humor a medida. Santo e seña. 
Pintura de guerra.

Comentarios