Opinión

A inutilidade do saber

Vivimos a golpe de titular. Revisamos por riba os destacados e seguimos ata novo aviso. Os titulares marcan os ritmos da política. Os seus deseñadores, sabedores de que ninguén afondará na noticia ou que, de facelo, a memoria non o acompañará máis alá dun breve instante, establecen o que temos que ler, o que temos que pensar. Dixitalización e convivencia enchen os titulares de educación. Con dúas palabras máxicas, a saber, acreditación e competencia, semella que se arranxa todo o relativo ao ensino e as súas complexidades. De feito, levamos meses invadidas por titulares sobre a importancia da acreditación dixital do profesorado. De novo, tinta de lura. 

Hai máis dunha década que contamos e recontamos o número de ordenadores por aula, por alumnos e alumnas, o número de encerados dixitais por centro, o número de libros dixitais. Décadas soportando que a cacarexada calidade vai da man da dixitalización dos centros e as aulas. Agora, nunha escola invadida pola ansiedade, o foco volve poñerse no mesmo. Así que unha pregunta asáltame de xeito constante: consideramos que o problema da educación é o uso das tecnoloxías por parte dos docentes? A acreditación dixital docente é o Grial do futuro? Teño as miñas dúbidas.

Non lembro cando perdemos a calma. Igual nunca existiu e é un recordo prestado. Mais o certo é que a día de hoxe os centros de ensino reflicten á perfección a nosa sociedade, todo rápido e inmediato. Hai só tres anos, no encerro pandémico, consideramos durante un breve momento que a calma e a reflexión poderían chegar ás vidas actuais como contrapunto ao produtivismo extremo e á sociedade do cansazo de inicios do terceiro milenio. Foi un espellismo. Esta semana de vacacións é un bo exemplo da tolemia polo movemento e de que seguimos instalados nunha economía do consumo. Nada mudou, agás a inflación e o Euribor. 

Mentres, a Consellaría segue falando de acreditacións e reducindo o número de profesorado. Aquí os números tamén son importantes, un modelo de encontro baseado no debate e o contraste de ideas sobrevive durante catro décadas. A Semana Galega de Filosofía volve a Pontevedra con tempos para escoitar, debater e pensar. Un modelo antigo e caduco. Tan antigo que igual temos que remontarnos á orixe da linguaxe para atopar os seus creadores. Xuntarse para explorar as dimensións dun problema, darlle voltas e enfrontalo desde diferentes perspectivas non é o máis habitual. Se cadra non é fácil "acreditar" as "competencias" adquiridas en tal reunión. Se cadra, o importante non reside en acreditar, senón en coñecer.

A confusión entre ter información ou ter coñecemento instalouse non só na sociedade, tamén no ensino. Equiparamos vivir rodeadas de información con saber, mais non é o mesmo. Tampouco ter competencia dixital, importante sen lugar a dúbidas, é o mesmo que ser un ou unha boa docente. Entre titular e titular minusvaloramos a calma e as cousas inútiles como a Filosofía ou a Arte. A Aula Castelao de Filosofía dedica a súa XXXIX Semana a ambas as dúas. Parabéns.

Comentarios