Opinión

Unha imaxe: moito máis que cincocentas palabras

Os tres mil carácteres deste artigo non poden expresar o valor dunha imaxe que percorre con forza as redes sociais. A imaxe era a dunha aperta, unha aperta entre quen leva a Galiza no corazón e sabe ler o momento político que vivimos. Un momento crucial no mundo, co auxe da extrema dereita, e no que nos xogamos moito na nosa cita electoral. A foto de Beiras e Pontón é moito máis que unha foto en campaña electoral. Desas hai moitas e moi boas. Boa luz, bos encadres, magnífica realización. Mais esta é outra cousa. É a esperanza dun reencontro e a posta en valor de toda unha tradición de traballo e compromiso colectivo. Para as e os nacionalistas é unha imaxe desexada, necesaria e ilusionante.

Na nosa cita electoral dun ano cheo de votacións, véxase as vascas, as europeas ou as dos EUA, existen dúas opcións de voto, como se puido comprobar este pasado domingo. Unha é a da dereita desesperada e nerviosa que opta por traer a Galiza presidentes e presidentas autonómicas que gobernan con VOX nun proceso imparábel por normalizar os retrocesos democráticos. Unha dereita que considera que os problemas de Galiza poden entenderse ou mellorarse desde a óptica de Ayuso, Moreno ou Guardiola. Unha dereita que agocha a súa falta de política e xestión na súa estratexia estatal de crispación. E digo falta de política e xestión en toda a dimensión destes dous termos. Feijóo marchou para Madrid tendo no seu haber a perda das caixas galegas, a construción do único hospital público-privado de Galiza en Vigo e o agasallo dun estaleiro a PEMEX entre outras moitas lindezas de xestión. Malia iso o seu control dos medios de comunicación fixo que chegara cun aura de bo xestor que hoxe non só está desmentida, senón que conmociona a súa pouca habilidade política.

A outra opción é o BNG. As enquisas avalan que é o voto que medra, a súa candidata preséntase como preparada e digna de confianza e como plus de futuro alcanza un acordo con ANOVA. Un achegamento que en clave xeracional e simbólica é moi importante. É o momento da política. Tamén dunha xestión nacionalista de esquerdas eficaz co centro nos nosos problemas e sen ese desembarco madrileño. O desastre dos pellets púxoo de manifesto hai tan só unha semana. Vimos de novo un goberno que controla os medios públicos de comunicación para esconder a súa incapacidade para a toma de decisións. A cara de Àngels Barceló ante as escusas evidentes da conselleira de Medio Ambiente son mostra da sorpresa que suscita este Goberno cando ten contraste informativo.

Fronte a esa falta de rigor e acción só temos que deternos nos concellos, como o de Muros ou de Ribeira, que buscaron desde o primeiro momento solucións ante a grave situación ambiental. Para falar de política ou boa xestión nacionalista soemos citar a Allariz ou Pontevedra, mais temos a Tomiño, Moaña, San Sadurniño, Carballo e outros moitos que sintetizan esa forza das ideas que mudan a vida da xente.

Para quen soñamos unha Galiza mellor, as ideas son moi importantes. As imaxes tamén.

Comentarios