Opinión

Feijóo, no estado intermedio

Moito gocei coa novela de Xina Vega O estado intermedio. Lina hai anos e conservo aínda o bo gusto no padal. Así, cando observo as erráticas actuacións de Feijóo non podo deixar de teimar sobre como o aclamado líder da dereita está nun non-lugar. Sen espazo político e sen credibilidade vaga polo mundo da política madrileña tentando dicir a frase correcta no momento axeitado. Mais nada. Non acerta nunca. Supoño que de aí esas notas de desesperación que desprende a súa voz.

Non son moito de crer que existe unha xustiza cósmica. Non obstante, este estado intermedio no que se atopa o chamado a endereitar a dereita seméllame por momentos unha especie de baixada aos infernos daquel que sempre considerou que podía facer o que quixera. Aínda lembramos como regalou as caixas de aforros galegas, a súa foto cos directivos de Pemex mentres lles entregaba un estaleiro, o negocio dos eólicos ás eléctricas amigas, o agasallo das residencias de maiores a unha empresa privada. Un Feijóo moi xeneroso co público. Sempre sen descoidar os recortes en igualdade, o apoio aos grupos antiabortistas ou ás escolas que segregan por xénero. A diferencia está en que, naquel altura, a prensa madrileña prefería velo como un moderado.

Feijóo é o mesmo que coñecemos aquí. Non eran mellores os seus discursos nin brillaba pola súa oratoria e nivel de rigorosidade. Simplemente, escoitabamos o que a prensa filtraba del. Pouca xente atendía aos discursos íntegros do Parlamento ou cuestionaba os seus datos e cifras. Creouse unha imaxe desde a que, de forma cómoda, gobernou. Cando esa imaxe muda na última semana de campaña, Feijóo camiña cara esa morte en vida que foi a noite electoral no balcón de Génova. A partir dese momento, de xeito conxelado, todo foi un aparentar estar vivo sabendo que, de golpe e por sorpresa, remataran as pantallas do xogo.

Hai quen se sorprende de que diga unha cousa e a contraria. Que medio negocie con Junts ou suplique ao PNV. Que convoque unha manifestación e logo sexa un mitin ou medio mitin, ou a saber en que queda nunha semana. Como di unha amiga, a el tanto lle ten, só pide que alguén lle diga que é o acertado. O mesmo lle ten ir con VOX que co veciño do lado, o seu obxectivo era o poder. Agora decatouse de que VOX resta e non hai folla de ruta alternativa. O seu estado intermedio só lle permite habitar nun ataque preventivo constante.

A decisión máis coherente destes dous meses foi opoñerse ao uso das linguas no Congreso. Tamén o fixo a dereita galega a pasada semana no Parlamento. Como esquecer os recortes que propiciou no uso do galego na función pública, incluída a prohibición de empregalo nas materias científicas na escola. Como esquecer aquela foto de Rueda manifestándose contra o galego.

Maquiavelo afirmaba que se necesita virtude e fortuna para gobernar. Sabíamos que virtude non tiña, a fortuna segue xirando. A soidade no estado intermedio debe ser grande. Nunha beira do río do esquecemento Casado tira del, mentres Aznar fai política no mundo dos vivos.

Comentarios