Opinión

Policía do móbil?

Prohibir, regular, educar. Tres palabras para describir a relación cos móbiles. Eses pequenos aparatos tecnolóxicos que se apoderan de todo espazo no que se instalan. Ben sei que son potentes ordenadores, ou que non se lle pode poñer cancelas ao vento. Mais se o debate sobre o seu uso chega as escolas é porque temos un problema e non sabemos como abordalo.

Ata hai ben pouco tempo considerouse que o número de pantallas e ordenadores por aula marcaba a calidade do ensino. Escoitamos aos responsábeis educativos repetir a importancia da competencia dixital do profesorado como se diso dependese unha boa clase. Agora voces críticas alertan da importancia de aprender a ler en papel e de buscar un xusto medio entre diferentes soportes educativos. Voces críticas que nos falan da perda de atención, das dificultades para a lectura ou dunha adicción ao uso do móbil en idades cada vez máis temperas.

O móbil é omnipresente. Non só entre a mocidade. Persoas de todas as idades comen cos móbiles na mesa, camiñan con eles na man ou visualizan cada pouco a pantalla á procura dunha nova mensaxe como se a firma da paz mundial dependese deles. Conexión. Esa é a palabra máxica. A pregunta é a que nos conectamos e de que nos desconectamos. Desconectamos dunha boa conversa, da natureza que nos rodea, de observar. Conectamos coa aparencia de felicidade, cun scroll compulsivo sen saber que buscamos, con noticias que non podemos verificar. Mais tamén conectamos con amizades que están moi lonxe, coñecemos noticias en tempo real e podemos chegar a coñecementos que antes precisarían de días de investigación. Como sempre nós decidimos sobre a conexión e a desconexión.

Afirma a miña amiga Inés que temos os conceptos secuestrados pola imaxe. Fronte a esa imaxe que valía máis que mil palabras, hoxe, pola contra, unha palabra é máis reconfortante que as miles de imaxes banais que nos invaden. Sen decidilo, estamos sometidos a unha tiranía visual que resta valor ao mirar. Mirar é un acto de construción. Que miramos e desde onde o facemos non é inocente, é unha escolla e un compromiso.

O debate sobre o uso dos móbiles chega as escolas. Nais e pais piden que se regule, incluso demandan unha lei que prohiba o seu uso antes dezaseis anos. Agárdase do Estado o que, xa desde as casas deixamos de facer hai tempo, tentar poñerlle sentido común á educación. As escolas camiñan cara a erradicación do seu uso. Penso que este é un momento de inflexión, necesario para comprender que a intelixencia humana é, en gran medida, atención. Unha atención reducida á fragmentación e á ansiedade. Tan escasa que se transforma en intolerancia á frustración á velocidade dun clic. Ter chegado aquí, a necesitar prohibir o uso dos móbiles nos centros educativos é un síntoma desta sociedade. Que alternativas de ocio, xogos e cultura damos ás crianzas? Que ven nos adultos?

Educar a mirada necesita da palabra. Mirar e falar residen no tempo compartido. O móbil é unha ferramenta. Se nos domina, desconectemos. Compartir e conectar non son sinónimos.

Comentarios