Opinión

Boliñas de plastilina

O diminutivo resta importancia. Iso cremos. Fai os obxectos familiares e achegados, case humanos. Quen se pode preocupar por uns “hilillos de plastilina” ou unhas boliñas brancas? Esta técnica informativa coñecémola ben. Primeiro, confiar en que o mar traga con todo. Se non é así, confiar en que as persoas traguen. Pois nin o un, nin o outro.

Aínda para os de terra adentro, a idea de que o mar vomita o que non lle corresponde debería ser algo difícil de esquecer. Os pellets non ían ficar no mar, dependería de mareas, ventos, correntes, pero ían chegar ás costas. Ocultar os feitos e seguir ocultándoo só impide unha pronta limpeza por especialistas e a prevención axeitada do sufrimento que pode causar na fauna mariña. A estas alturas deberíamos saber que un desastre medioambiental nunca se detén ou prevén negándoo. Unha marea de pellets esténdese pola nosa costa e o Goberno galego transita entre restarlle importancia e botarlle a culpa ao Goberno do estado. De novo, a costa ten que ser coidada pola xente.

Non asumir nin a información nin a execución das medidas necesarias fai de Rueda un gobernante amedrentado e incapaz. Queremos saber a que nos enfrontamos en realidade. Non sabemos a composición, a toxicidade, nin a cantidade das boliñas. Non obstante, o goberno galego réstalle importancia a todo. Cantidade e toxicidade. De novo, a estratexia de ocultar e negar semella a peor; aínda así, afóndase nela. A radio e a televisión públicas minimizan o tema, os xornais non lle dedican o espazo. Se a transparencia tranquiliza, a negación abre a sospeita.

As boliñas mostran dous tipos de catástrofes. A primeira é clara: podemos volver a vivir un desastre medioambiental sen ter aprendido nada dos anteriores. O medio de vida de miles de persoas está en risco, o ecosistema en perigo e non hai un plan activado desde o 13 de decembro cando se tivo a noticia da vertedura. Que fixo o goberno? Rezar, poñer velas e agardar… supoñemos. A segunda catástrofe é a informativa. Menos letal para peixes e moluscos, mais tamén letal a longo prazo. Manipular, nesgar, ocultar ou negar a información á cidadanía crea unha sensación de inseguridade, de desconfianza que non é un bo punto de partida para a nosa vida en común. Non podo deixar de preguntarme se desde o día no que se coñece que hai un problema se tivera activado o plan correspondente non sería máis fácil entender o que pasa e comezar de xeito eficaz a limpeza dos areais. Na miña opinión, sempre é mellor dar todos os datos, adiantarse ás preguntas e explicar ben que son as boliñas, que implican para a nosa saúde e quen é o responsábel de que estean nas praias.

É certo que entre festas e rebaixas moita xente nin se deterá un minuto a pensar o que ocorre nas costas. Non obstante, o mar segue vomitando, os peixes tragando plástico e os responsábeis da xestión semellan querer gobernar en diminutivo. Tan en pequeno como unha boliña de plástico branco. Agardo sexan arrastrados por unha xigantesca onda de dignidade cidadá.

Comentarios