Opinión

Atrapadas

O pasado venres desfrutei dunhas horas de inmobilización forzosa dentro do coche. Parada, sen poder avanzar. Imposíbel dar volta. Todo colapsado. A música das bucinas como acompañante de fondo. Miradas ao reloxo e ansiedade en aumento. O tempo de angustia por non chegar, co caos fóra, era unha metáfora do noso xeito de habitar. Habitamos correndo, correndo para traballar, correndo para gozar.

Na cápsula do meu coche semelloume escoitar os berros de miles de peregrinos entrando en Compostela ás sete da mañá considerando que teñen dereito a todo. Vinos deitados no Obradoiro comendo no medio da praza. Ao tempo que se me aparecían abarrotando unha praia do Mediterráneo. Buscando no Black Friday, no Cyber Monday, na Middle season unha razón existencial para seguir mercando. Pensei nos cruceiros, que consomen unha cantidade inxente de auga, ateigados de persoas que lonxe de sentir a viaxe, deciden mirar sen ver. Vinme a min mesma hai dous meses polas rúas de Amsterdam, chocando con centos de persoas, incapaz de desfrutar dunha cidade preciosa. Vinme desexando un café, nun sitio tranquilo.

Somos unha sociedade atrapada nun modelo económico que obriga a que o crecemento e a acumulación sexa a única posibilidade, todo máis e máis grande. Máis luces, máis árbores de Nadal, máis coches, máis turistas, máis vendas, máis plásticos, máis emisións... Nunha especie de pensamento máxico,agardamos que se resolva nun futuro. Malo será que a natureza non poida con todo. Os datos indican que será malo. 

Atrapadas neste carril da historia. Convencidas de que non hai ningunha posibilidade de saír do rego, habitamos a nosa ansiedade. Aumenta o consumo de fármacos, só as grandes farmacéuticas poden beneficiarse do noso malestar. O carril contrario tamén vai ateigado. Erros do pasado, o individualismo que se colocou nas propias ideas da esquerda ou a propia condición humana impóñense. Aí estamos, comentando a necesidade de alternativas entre o ruído dos medios de comunicación e as inxustizas que padece unha gran parte da poboación mundial que non se pode permitir nin comer. Unha poboación que debe ver as nosas luces de Nadal como unha especie de espellismo previo ao oasis.

Así, entre contradición e contradición van pasando os diferentes cumios do clima e os países escriben resolucións, nós escoitámolas pola radio e o atasco segue o seu curso. Pensar nun futuro mellor é unha utopía fóra de lugar e tempo no noso habitar. Perdemos palabras como igualdade, liberdade ou xustiza. Hai quen afirma que foron roubadas polos donos da torre de control do tráfico mundial. Pode ser unha hipótese.

Por fin chegamos a Arcade. Conseguímolo avanzando por direccións contrarias e esquivando a autopista por estradas secundarias. Agradezo estar acompañada por Priscila Retamozo e desfrutar de horas de conversa feminista. Agradezo ao público que agardou máis dunha hora mentres buscábamos vías alternativas. Se cadra é iso. Non deixar de transitar polos camiños secundarios da historia.

Comentarios