Opinión

Dépor: a flote con SuperFabricio

O Dépor resiste. Cando máis apertada estaba a soga. Cando o ambiente estaba máis revolto.

O Dépor resiste. Cando máis apertada estaba a soga. Cando o ambiente estaba máis revolto. Cando todos asumían que presenciariamos o derradeiro día de Víctor Fernández sentado no banco de Riazor, apareceu un salvavidas. Pode ser que a orixe canaria de Fabricio teña a culpa. Nacendo. Medrando. Vivindo entre augas. Nada como a experiencia de sobrevivir nun entorno illado. Porque iso é o que vive agora o equipo deportivista. Nun illamento total. Que o exterior non lle afecte para superar o proceso de autodestrución. Sobreviviu, si. E todo deu a volta de repente. 

Unha vitoria que chegou como auga de maio. Iso si, nunha noite de puro inverno na que choveu a caldeiros. Presenciamos unha nova resurrección de Víctor Fernández e tamén do Dépor. Pasaron 6 partidos sen gañar, desde aquela do Valencia, tamén en Riazor. Parece que os equipos valencianos dixírense mellor. Aínda que hai unha diferenza entre Elxe e Valencia. Ante o equipo alacantino custou un mundo gañar. 

Pero foi Fabricio o que subiu ós altares do deportivismo. Concretamente, o posto 16 da clasificación. Saíu ó rescate do seu equipo, que segue acusando unha secadura goleadora preocupante. Iso fai que no Deportivo haxa un novo talismán. Un novo tótem. Un valor en alza. Un talento ao que sempre se lle saca punta no momento máis decisivo. Un home que dá a faciana se fai falta, e xa van dúas veces que lle sacuden o rostro dun pelotazo. Fabricio entregouse en corpo e alma. Fixo seu o posto de titular. Logrou saír da sombra a base de cumprir, de dalo todo. Se Riazor fose un coso taurino, onte Fabricio sairía sobre os ombreiros dos afeccionados. É o novo heroe branco e azul.

Golazo de Fariña

E a todo isto non hai vitoria sen goles. E houbo que esperar, curiosamente seis semanas a que regresase Fariña. O arxentino regresou con forza, dando unha nova marcha e marcando un golazo por toda a escadra. Executou un disparo contactando a bola cunha luva. A parábola fose describindo nunha traxectoria perfecta. Entrou limpa. Nin Tytón, nin titán. Imposible. E coa parábola alá foi a tea de araña… que por alí mora desde hai meses, porque o de tirar a porta ultimamente está moi caro no Deportivo.

Obsérvase unha melloría notable no equipo. Encaixa moitos menos goles. Semella que en defensa se recompón algo e anda máis seguro

Vitoria. Santo remedio. Baixouse o nivel crítico. O equipo fóra de descenso. Máis tranquilidade na cadeira eléctrica do palco. E un plus de crédito para Víctor Fernández. A vitoria ante o Elxe salvoulle o Nadal pola campá, probablemente. Iso sí, o interese financeiro que se lle concede co novo crédito ha ser máis esixente e a moi curto prazo.

Retorno aos catro defensas

Iso si. Obsérvase unha melloría notable no equipo. Encaixa moitos menos goles. Semella que en defensa se recompón algo e anda máis seguro. Da porta xa está todo dito. Frabricio é intocable neste momento. Os problemas veñen de medio campo para arriba. Non están claros os conceptos, vistos desde a bancada. A porcentaxe de conversión a gol é aínda moi baixo.

Víctor regresou ao modelo de catro defensas. Previsble ante a entrada de Fariña. Fixo ben ao apostar con Toché. Non tivo o seu día de sorte. Quedóuselle o segundo gol preso da lama, pero o dianteiro branco e azul merece o posto de titular polo seu traballo e esforzo. Ponlle moitas gañas. 

Aínda hai feridas que curar no extradeportivo. Faltan poñer puntos de sutura. Procurar a unión é necesario. A división só pode traer derrotas.

Polo menos, hoxe a policía deu presuntamente un golpe que apunta cara ao carpetazo dun suceso que nunca debeu pasar. E os asasinos, de confirmarse que son, que a paguen ben pagada, no caldeiro. A vinganza en democracia é a cadea.   

Comentarios