Opinión

Dépor: atrapado nos vellos problemas

O de Murcia foi a constatación de que non só basta con crelo. Hai que demostralo.

O de Murcia foi a constatación de que non só basta con crelo. Hai que demostralo. O Dépor pode ser superior, sobre o papel, pero cada domingo debe confirmalo con goles e con dominio. Non se gaña por baixarse do autobús. Non se gaña por ter nomes máis ou menos contrastados. Vaia por diante, que esta mensaxe e máis para afeccionados que para xogadores. Pero tamén é certo que aos futbolistas hai que lembrarlles que é moi cedo para relaxarse e que a presión do ascenso os persegue e os espera. Así pois, non ascender desde a posición privilexiada que ocupan sería unha gran decepción, por iso é necesario lembrar o que está en xogo e facer notar o alento da esixencia en cada instante.

O que presentou o Dépor na Nueva Condomina foi un escenario aberto ás dúbidas que hai que pechar en Riazor co Spórting

O cadro deportivista foi un equipo acosado nos primeiros minutos de encontro. Arriscou en exceso a exposición ás xogadas a balón parado, o talón de Aquiles da formación de Fernando Vázquez. E claro, tanto acoso tivo que ter premio para os pimentoneiros. Aí lles veu o seu gol. Por certo, mesmo resultado, e mesmo defecto, que aproveitaron os murcianos na Coruña.

Sen referencia

Tamén deu a impresión de que sen Juan Domínguez non hai faro. Non hai temón. Esa falta dunha referencia foi crítica nalgúns momentos de partido. Ao cadro de Vázquez faltoulle conexión entre a zaga e os homes de ataque. Non houbo orde, nin ideas.

Só uns minutos se salvan do partido se centramos a vista en Salomão. O portugués é o único que intentou cambiar as cousas. E case o consegue, pero atopouse cun porteiro, Casto, que se coroou cun recital soberbio.

O resto das novas fichaxes estiveron ausentes ou discretas. Iso resulta inquietante. Aos que viñeron hai que pedirlles moito máis. Non só vale con pequenas luces o día do debut, excepto Salomao que dá o nivel esperado. Os que están desde o inicio da Liga… tensión, alerta, concentración.

O que presentou o Dépor na Nueva Condomina foi un escenario aberto ás dúbidas que hai que pechar en Riazor co Spórting de Xixón. Suponse que nesta segunda volta se apuntalou o proxecto para corrixir erros, mellorar imprecisións, dotar de máis forza e consistencia o equipo e aumentar a eficacia goleadora. Obxectivos aínda non logrados e ós que urxe dar a volta.

Aínda que dunha derrota hai poucas cousas positivas que concluír, se comparamos a primeira volta coa segunda no que respecta ao Dépor os resultados son calcados. Pero co Spórting hai que virar o rumbo. E ollo que cos asturianos os de Vázquez perderon 2-0. En caso de empate a puntos, mellor lles iría centrarse en gañar e superar ese partido co golaverage a prol por se fora preciso.

Comentarios