Opinión

Ben, pero hai algo máis que o balón parado?

Opinión

Ben, pero hai algo máis que o balón parado?

Cada partido en Riazor semella que dura unha eternidade. Cada minuto que pasa parecen dous... ou tres. As veces roza o aburrimento, que non o aborrecemento.

Cada partido en Riazor semella que dura unha eternidade. Cada minuto que pasa parecen dous... ou tres. As veces roza o aburrimento, que non o aborrecemento. Só cando pasa algo diferente, basta con que o colexiado meta a pata, ou Fernando Vázquez guinde unha botella de plástico de auga contra o banco técnico, entón se acende unha chispa na bancada e o balbordo pide marcha, acción, gol... pero nin con esas. E tampouco se espera só iso dun partido de fútbol.

Esa foi unha sensación que nos quedou a moitos espectadores vendo un novo encontro na casa. Un tedio pasmoso. Iso si, no medio de noventa minutos, pequenos detalles. Pingueiras. Unha arroutada de Rudy, que nunca se sabe como vai acabar pero que levanta a un do asento, unha cabezada de Arizmendi que se vai moi alta, unha coada de Borja nun man a man co porteiro que se eleva ó ceo...

"Habería que saber que ofrenda hai que poñer e a que santo para que o Deportivo defenda as xogadas a balón parado como manda a providencia"

E por fin, chega o factor desequilibrante en Segunda. Ese premio ó fútbol especulativo da categoría de prata. Ese recurso onde se destapan as vergonzas dos equipos. Ou sexa, o balón parado. Un castigo para os herculinos. Igual que se poñen ovos a Santa Clara para que non chova o día da voda, habería que saber que ofrenda hai que poñer e a que santo -debe ser Job, por certo- para que o Deportivo defenda como manda a providencia as xogadas a balón parado (poña vostede o nome que queira, para non ofender ningunha relixión). Outra vez, desta foi un saque desde o curruncho, colleu á defensa atordada deixando a Víctor só para marcar. Menos mal que desta vez a compensación trouxo un gol de volta a balón parado. Pero pode haber algo máis que o balón parado nesta categoría? Cando o Deportivo poñerá o siso para deixar de sufrir nesta xogada?

E entón comeza a reacción, a acción. Como? Que nos marcan un gol? E de saque de esquina? Isto é unha ultraxe! Hai que demostrarlles quen somos aquí. Este razoamento é o que semellan transmitir os protagonistas desde o terreo de xogo e que remata contaxiando ó público, que responde a cachón a este impulso. Evidentemente, o público reacciona ante a proposta que ve. Se o Dépor ofrecese espectáculo, os seareiros farían a onda decenas de veces. Por iso, agora, á mínima vemos a xente levantando o cú do sitio contra o árbitro, ou contra o adestrador do equipo rival porque era do Celta, un xogador porque che cae mal (“es que con el Zaragoza no puedo, no puedo, no puedo”, oíse onte ó final do partido). É dicir, esas estupideces que levan a algunha xente ó campo a romper a butaca que tes diante do naris (do que conto son testemuña). Pero o problema, señores, nin está no colexiado, nin está en Herrera, nin en Montañés...

Xa sei que por Riazor pasou moito caviar e que non todos os días vai haber marisco na mesa, pero tendo o estadio a cen metros da praia, home, algo máis que polbo debía haber... 

"Segunda División converteuse nunha categoría sen clase, con moitas carencias futbolísticas, onde se xoga co que se pode porque non hai outra cousa"

Que quero dicir? Pois aí vai a miña reflexión despois de gañarme abofé algún detractor polo escrito nos párrafos anteriores. Que a Segunda División se converteu nunha categoría sen clase, con moitas carencias futbolísticas, onde se xoga co que se pode porque non hai outra cousa. Malia todo, e á vista dos nomes de xogadores que pisan Riazor, espérase máis profesionalidade, precisión, menos erros, outro discurso. Máis fútbol. E isto vai tamén polos xogadores branco e azuis. De verdade que os futbolistas só saben facer o que mostraron onte Zaragoza e Deportivo? E tamén, por certo, se espera dos adestradores que non aposten por fórmulas tan cativeiras, que demostran moito medo e pouca clarividencia táctica. Semella que se conforman con marcar un gol e defender todo o que se poida ó resto do encontro. Home, tampouco se pide ser tan kamikaze como José Luis Oltra, pero algo intermedio pode existir. Non lles parece? E qué pasa cos trocos? Son un castigo, un xesto para brindarlle o aplauso dos espectadores ou obedecen a cuestións verdadeiramente tácticas para cambiar algo necesario nun partido? Por exemplo, Wilk, o mellor home sobre o campo en Riazor, foise para o banco ante o xesto de sorpresa do público.

Por acabar con algo positivo. Wilk vai de menos a máis. Colleulle o sitio ó equipo e pode ser un bo complemento para Juan Domínguez no centro do campo. As gañas de Culio: traballador, constante, forte, entregado. Borja intenta estar no sitio axeitado, é o único home dos de Vázquez que ten realmente olfato de gol. E toda a defensa deportivista que semella estar ben selada e blindada con Álex Bergantiños e Insua como piares esencias.

comentarios