Opinión

É posíbel facer posíbel o imposíbel

No verán de 1588, unha forza naval enviada polo todopoderoso rei español Filipe II para a invasión de Inglaterra, autodenominada "Armada Invencíbel", foi clamorosamente derrotada. E iso que no imperio deste monarca "non se puña o sol". Así que non viría mal un bocadiño de realismo nos tempos que nos tocan vivir. Non foi imbatíbel esa formidábel mariña de guerra de Filipe II, e se mo permitides, moito menos invencíbel é o Partido Popular na Galiza do século XXI.

Todo isto vén a conto da xestión postelectoral de resultados. Houbo precampaña e campaña, mais tamén descubrimos agora unha peculiar poscampaña. E é aquí onde topamos cunha curiosa operación consistente en analizar como "natural" a vitoria do PP, cualificala como a maior da historia (sorprendente interpretación, porque perderon dous escanos), trasladar a idea de que os votos ao BNG en realidade son "emprestados" (os do resto de formacións non o deben ser: deducimos que desde que alguén acada a maioría de idade até que morre só pode votar PP ou PSOE), que a maioría do PP débese asociar ao "sentido común" (agora "sentidiño"), que unha alternativa ao PP só pode partir do PSOE e outros despropósitos dese calibre.

Fixémonos en que ese sofisma (imposíbel cualificalo como análise) parte de algo tan falso, excluínte, simple, reducionista e acrítico como que "isto sempre foi así e así ten que ser". E xa está. E o PP está porque é así a vida. E vai gañar sempre porque na Galiza somos conservadores, pouco reivindicativos e bastante inútiles sen España. E veña máis estereotipos. Velaí o rigor intelectual de espelidos opinadores e tertulianos, nativos e foráneos e boa parte dos medios e comunicación do sistema. Á vista deste nivel, cumpriría que aqueles que sempre alcumaron o nacionalismo galego como esencialista, revisasen o seu determinismo. Porque o seu si que é puro anacronismo.

Por certo, Alfonso Rueda –afirma– gobernará "para todos". Para quen o votou e mais para quen non o fixo. Fantástico. Faltáronlle horas ao PP na Deputación de Pontevedra, despois deste espléndido anuncio, para censurar a presenza de Montse Fajardo, Mercedes Queixas, María Xesús López Escudeiro e Elsa Quintas no proxecto "Aquí faltan páxinas", de investigación e rescate de biografías de mulleres invisibilizadas. E tamén, por que non, nestes días, depurar a figura de Rosalía de Castro nesa mesma institución. It’s wonderful!

Con todo, sospeito que se din o que din e fan o que fan, de xeito tan basto, é xustamente porque saben que todo é reversíbel. E os gobernos tamén. Vaia, que a Galiza non está condenada. O único imposíbel é o que non se intenta. Témolo demostrado en momentos da nosa historia. 

PD.: Hoxe, 2 de marzo, é o 168º aniversario do Banquete de Conxo. Contra o que lle escoitei ao PP, cualificándoo de "papada literaria", dáme a impresión que debeu ser algo máis: o propio Eduardo Pondal foi procesado na Audiencia Provincial da Coruña por intervir nesta cita de estudantes, artesáns e obreiros. E seguimos.

Comentarios