Opinión

Entroido, filloas e desbarre electoral

Debo confesar que desfruto enormemente observando a desesperada actuación do PP e os seus aliados nesta campaña. Teño que recoñecer que reconvertín a indignación inicial que me provocaban algunhas das súas arremetidas máis virulentas ou ofensivas en sensacións case pracenteiras. Sería preocupante se non fose polo feito de que son probabelmente os estertores agónicos de quen non pode nin concibir a idea ou a simple hipótese de perder o poder político, e moito menos a mans de nacionalistas. Ese é o peor dos ridículos, a máis grande aldraxe. Que na Galiza a presidencia da Xunta pase do PP ao PSOE xa é grave. Mais que haxa unha presidenta nacionalista, do BNG, iso si que é directamente intolerábel. Que por fin goberne o país quen cre nel e non quen del renega, resulta difícil de dixerir. E que van pensar en Madrid!

Gostei moito, por exemplo, de que o propio Alfonso Rueda fose quen de lle botar peito (iso si, nun mitin do PP), e entrar abertamente no debate sobre a existencia ou non das provincias. Fíxoo, ademais, en Lugo, e en galego (nunha mostra inconsciente de imposición lingüística?), afirmando: "Preocúpame que o BNG leve no seu programa a substitución das provincias e non creo que a Lugo lle conveña que desapareza a estrutura das provincias. Iso está no programa do BNG aínda que non o queiran contar".

Rueda, máis unha vez, acertou. A profundidade da súa reflexión, o seu extraordinario rigor analítico, a valentía na enunciación das propostas e, naturalmente, a súa solvencia intelectual, tan recoñecida dentro e fóra do Casino de Pontevedra, máis unha vez fixéronse evidentes.

Porque é incontestábel como desde 1833, que se oficializa dende Madrid a actual provincia de Lugo, as comarcas da Terra de Lemos, de Quiroga, da Fonsagrada, da Terra Chá ou dos Ancares, só por citar algunhas, manteñen un elevadísimo dinamismo económico e social, que se traduce en termos demográficos e nunha pirámide poboacional tan renovada xeracionalmente como admirada en toda Europa. Onde a súa mocidade (que non só non emigra, senón que retorna masivamente) é envexada polos empregos de alta calidade e os elevados salarios que percibe e onde os seus xubilados reciben unhas pensións medias, incluídas as non contributivas, que permiten o desfrute dunha vellez digna e tranquila. Por non falar dunha sanidade que é referencia mundial e un transporte colectivo, especialmente o ferroviario, modelo para a súa imitación no resto do planeta.

Por todo isto é mellor ter "sentidiño" e non tocar o que claramente "funciona": a división provincial, a estrutura unitaria do Estado, o réxime constitucional ou a monarquía. E porque ademais, a realidade demostra como as vilas de Padrón e Pontecesures, poñamos por caso, que pertencen a provincias diferentes, responden tamén a distintas realidades xeográficas, históricas, socioeconómicas, até lingüísticas e culturais, absolutamente dispares, cando non contraditorias entre si. Por iso é bo manter as provincias. Outra filloa, e que viva o entroido!

Comentarios