Opinión

A conspiración de Moscova

Levamos moitas campañas electorais no lombo, para ben e para mal. En todas elas hai pautas de actuación constantes e similares, que teñen a ver basicamente coa utilización fraudulenta do poder autonómico ao servizo do partido no goberno en plena época electoral, co control exhaustivo da información e dos medios de comunicación, públicos e privados (agás honrosas excepcións, como Nós Diario), ou esa curiosa e reiterada estratexia expedicionaria e paracaidista das forzas políticas españolas no noso país. Até aquí, nada novo baixo o ceo. Mais hai cousas que non deixan de nos sorprender.

En pleno 2024 (si, 2024!) alguén decidiu alimentar o argumentario electoral do PP recuperando ETA como protagonista da campaña (galega), ou que na mellor tradición das teorías conspirativas, ou conspiranoides, o maligno dúo Putin/Rusia, fose quen de espiar e intervir nas redes sociais para desgastar a forza gobernamental. Isto entre outras alfaias, incluíndo a amnistía na Catalunya como elemento tamén central da campaña galega. E así cocen titulares de prensa, reportaxes televisivas, ou “opinadores de actualidade” na Radio Galega, que pontifican e reproducen sen escrúpulos nin contraste algún a literalidade que sae do gabinete de prensa do Partido Popular. Todo vale. Só lles resta rescatar a vella acusación de estar o nacionalismo detrás da queima dos montes. E todo chegará. Recoñezo que até se pode comprender en medios privados esta dinámica tan servil co poder. Mais nos medios públicos, que por lei deberan aplicar os principios de “neutralidade, obxectividade e imparcialidade”, neses non. Aquí xa é escandaloso.

A razón non é outra que o intento de evitar como sexa, e cos métodos que foren, unha mudanza política na Galiza que poña en risco intereses e beneficios económicos, en casos inconfesábeis. En definitiva, o perigo de a Galiza deixar de ser un choio para algúns.

Son sabidas as limitacións obxectivas, xurídicas e legais, do marco autonómico. É evidente que non é este, o autonómico, un instrumento institucional que permita realizar as transformacións estruturais que este pobo tanto precisa. Mais tamén é certo que é posíbel non só acometer certas mudanzas, algunhas significativas, na base material da sociedade, mais tamén na superestrutura: no sistema mental de valores e ideas, de estima polo propio. A comezar pola lingua. De irmos limando o impacto dese etnocentrismo supremacista que nos aplicaron historicamente e que tanto dano nos fixo (e fai) individual e colectivamente. Base necesaria tamén para transformar a base económica e produtiva, póndoa no beneficio colectivo propio, non no alleo. É esa vontade expresa de mudar o papel subordinado da Galiza no deseño estrutural do Estado unitario que temos e padecemos o que está en xogo, e non é menor.

A candeloria e o San Brais, que hoxe celebramos, advirte da chegada da primavera. Crédeme, tamén para esta vella nación, para este pobo que tanto o merece e precisa, a primavera xa está aí, ao alcance da man.

Comentarios