Opinión

We should all be feminists

Que o fin xustifica os medios é algo que Amancio Ortega e os seus deseñadores deben ter gravado a lume. E sendo o seu obxectivo final enriquecerse, podemos dicir que o están a facer moi ben.  O outro día atopei nunha das súas tendas unha camiseta coa palabra feminist estampada. Co auxe que está a ter o feminismo nas redes sociais era de esperar que o monstro do téxtil fixera unha incursión neste ámbito para elevar aínda máis as súas vendas. Aínda así, podía telo feito con un pouco máis de tacto, de elegancia.

Sempre me parece perigoso que un movemento, ideoloxía, etc. estea, por así dicilo, “de moda”. Baixo o título We should all be feminists, Chimamanda Ngozi Adichie, escritora nixeriana, loitaba nas charlas TED contra o senso negativo que gran parte da poboación tenta impor á palabra feminista. E neste senso esta tendencia, este auxe do feminismo (quizais frívolo e superficial nalgúns casos) ten algo de positivo.

Co auxe que está a ter o feminismo nas redes sociais era de esperar que o monstro do téxtil fixera unha incursión neste ámbito para elevar aínda máis as súas vendas

 

Porque se algo proban o deseño destas camisetas é precisamente a forte transformación que se está a xestar na nosa sociedade, onde anos atrás, falar de feminismo, por desgraza, era para moitos falar de bruxas e tolas que queimaban a súa roupa interior. 

O mero feito de que saian a venda estas prendas mostra que algo mudou, que a palabra feminista é cada vez máis aceptada e reivindicada como propia entre a poboación pese aos esforzos de certos sectores por demonizar o movemento.

Porén, non deixa de ser unha banalización en parte desta ideoloxía sobre todo cando non hai nada máis dela nesas camisetas que a imaxe. Non só non existe un apoio real a estes ideais senón que incluso a distribución destas camisetas con mensaxe pode considerarse sexista. E é que Inditex fai camisetas feministas só para mulleres o que resulta completamente contraditorio sendo como é o feminismo un movemento que defende a igualdade de dereitos de todos os xéneros. Parece que para Amancio Ortega só as mulleres podemos ser feministas.

Non só non existe un apoio real a estes ideais senón que incluso a distribución destas camisetas con mensaxe pode considerarse sexista

 

Temos que ter en conta, que tras esta discriminación podemos ver outra lectura: e é que os analistas de Inditex non viron que fose a funcionar no noso mercado unha camiseta con esa mensaxe dirixida a un público masculino. De ser así, sería un indicativo da necesidade dunha maior difusión e coñecemento do feminismo na nosa sociedade.

Polo momento, sexa polo que for, parece que Amancio Ortega suspende en igualdade de xénero. Aliás, como para el o fin xustifica os medios, quizais deberíamos perdoalo. 

Comentarios