Opinión

Un programa fraudulento. Unha lexislatura devastadora para a educación pública galega

Calquera que sexa a perspectiva que se tome para facermos balance do que foron estes tres anos de goberno do PP á fronte da Consellaría de Educación, a conclusión é contundente e inequívoca: nunca o noso idioma, o ensino público e o profesorado recibiu tantos e tan graves embates en tan pouco tempo. Unha involución en todas as súas dimensións.

Calquera que sexa a perspectiva que se tome para facermos balance do que foron estes tres anos de goberno do PP á fronte da Consellaría de Educación, a conclusión é contundente e inequívoca: nunca o noso idioma, o ensino público e o profesorado recibiu tantos e tan graves embates en tan pouco tempo. Unha involución en todas as súas dimensións. A mentira, o engano, a fraude e o autoritarismo foron constantes ao longo deste lexislatura, converténdose en “modus operandi” do Partido Popular na Consellaría de Educación. O preámbulo deste modelo de actuación, baseado na falsidade e difamación, contribuíu a que acadara a maioría absoluta nas anteriores eleccións galegas, grazas, como foi notorio, á manipulación mediática, nomeadamente dun medio de comunicación escrito residenciado na Coruña.

Todos os avances acadados na anterior lexislatura, tales como a gratuidade de libros de texto,  o acordo retributivo do profesorado,  a ampliación dos cadros de persoal dos centros de infantil e primaria,  a redución do horario lectivo do profesorado, a ampliación das  licenzas por estudos, a proposta de  supresión dos concertos educativos aos centros que segregan o alumnado por razón de xénero, a obriga de impartir matemáticas en galego, o dereito a impartir, como mínimo, o 50% das materias en galego, víronse totalmente arrasados polo PP.

O programa que o PP presentou nas anteriores eleccións para Educación converteuse nunha estafa absoluta ao pobo galego. Só grandes doses de hipocrisía explican que no seu programa acusen o anterior goberno de (sic) “afogar o programa de Preescolar na Casa, que veu prestando apoio educativo esencial ás familias e aos nenos do interior de Galicia” e que sexa o PP o que tome a decisión política de eliminar o programa despois de 35 anos funcionando, única e exclusivamente, por ser un programa integramente en galego, inserido na nosa realidade social e cultural. Despiden 42 traballadores/as, deixan sen atención educativa a  miles de nenos e nenas, nomeadamente no rural , destinan a súa subvención a entidades afíns ao PP como “Escravas de Cristo” ou “Rabaño de María”  e  até impiden o debate no Parlamento da Iniciación Lexislativa Popular que apoiaron máis de 25.000 galegos e galegas.

A súa perversidade non lle impide recoller no programa (sic) “a mellora da escolaridade do alumnado do medio rural”, “xeneralizar os comedores escolares” ou que o transporte escolar non pode condicionar o horario escolar e facer todo o contrario. Os datos dan mostra irrefutábel de que o PP non ten ningún reparo en mentir continuamente, xa que suprimiu e degradou os servizos escolares no rural, pechou escolas, agrupou alumnado de diferentes idades nunha mesma aula, suprimiu especialistas, impediu o uso do comedor ao alumnado, etc. Nesta lexislatura pecháronse  escolas e suprimíronse unidades no ensino público, mentres se  concertaron novas unidades no ensino privado.

Presentáronse ás eleccións  coa proposta de integrar o 1º ciclo de Educación Infantil (EI) no sistema educativo e a “necesidade de incrementar o número de prazas de 0 a 3 anos”, mais non foi así. Para o que si estiveron espelidos foi para liquidar o modelo pedagóxico e galego das Galescolas, nesa cruzada permanente contra todo o que tenda a afirmarnos, coñecernos  e valorarnos como  galegos e galegas; para suprimir 42 postos de traballo e dúas escolas “Galiña azul” e para deixar preto de 4000 familias sen praza escolar nas escolas infantís na rede pública.

O descaro do PP non ten límite. No programa consideraban (sic) “prioritario avanzar na redución do número máximo de alumnos por aula, que debería ser de 15, especialmente na educación infantil”, mais fixo todo o contrario. Aínda que Feijoo afirmara que en Galiza no se aplicaría o incremento da ratio estabelecido polo Goberno Central (30 en EI e Educación Primaria (EP), 36 en ESO e 42 no Bacharelato), hoxe son moitas as unidades que sobrepasan as ratios máximas estabelecidas. Continúan sen considerar os repetidores/as para conformar os grupos e sen contemplar a redución de alumnado por aula naqueles que escolarizan rapaces/as con necesidades educativas especias

No seu programa de 2009, arremetían contra o sistema de préstamo dos libros de texto, afirmando (sic) “Cambiaremos o sistema de préstamo de libros de texto para garantir a gratuidade e titularidade dos mesmos” e “Implantaremos axudas para a adquisición de libros de lectura e consulta para as familias con déficit económico”. A realidade é que se pasou de que todo o alumnado do ensino obrigatorio tivese libro de texto gratuíto a que só o teña un 25%. Esta medida regresiva,  que atenta contra gratuidade do ensino, pretendeuse xustificar polo aforro que comportaba, mestres se gastaban cantidades importantes de diñeiro en propaganda para difundir o novo  modelo e se malgastaban entre 5 e 8 millóns de euros en invalidar os libros de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química, pagados por todos e todas  nós, polo único delito de estaren escritos en galego. Para excluír a nosa lingua do ensino non se escatiman recursos, nin sequera en época de crise.

"A realidade é que se pasou de que todo o alumnado do ensino obrigatorio tivese libro de texto gratuíto a que só o teña un 25%"

Non tiveron recato en comprometerse a (sic) “contribuír á mellora e consideración social dos mestres”, “reducir a xornada docente a todos os maiores de 55 anos”, “realizar unha actualización progresiva das retribucións dos docentes galegos”, “aprobar un plan de formación do profesorado” e “incrementar a gratificación para a xubilación anticipada” e despois transformar estas promesas, ao longo de toda a lexislatura, nunha afronta desapiadada contra o profesorado. Ampliáronlle o horario lectivo, obrigárono a realizar funcións alleas á docente, recortáronlle as retribucións nun 20%, suprimíronlle a paga extra de decembro, castigárono coa redución do seu salario por estar de baixa, elimináronlle as licenzas  por estudo e cernáronlle o dereito á formación, que ficou limitada ás TIC e lingua estranxeira, e suprimíronlle o fondo de acción social. Enunciaban (sic) “impulsar a catalogación de enfermidades profesionais docentes”, mais o profesorado continúa a ser o único colectivo de traballadores/as que, malia estar recollido na Lei de Prevención de Riscos Laborais e de haber sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, previo recurso da CIG-Ensino, a Consellaría continúa sen lle ofrecer as revisións médicas anuais. Todos foron ataques, recortes e agresións ao ensino público e aos dereitos laborais e profesionais do profesorado que xeraron múltiple conflitividade, con numerosas mobilizacións, incluída a  folga, que evidenciaron o rexeitamento maioritario a esta política educativa. 


Comprometéronse a (sic) “dotar os centros de Educación Infantil e Primaria de, polo menos, un administrativo, co fin de descargar o profesorado do traballo burocrático para que poida dedicar máis tempo a labores de titoría e de preparación didáctica”, mais nin un só novo centro foi dotado de persoal administrativo, malia que o profesorado viu minguado o seu horario non lectivo ao incrementárselle o lectivo -dúas horas ao de secundaria e catro ao de infantil e primaria- e ao copioso traballo burocrático ao que ten que facer fronte, que se viu aumentado ao sumárselle a custodia do alumnado transportado. Afirmaba o PP no seu programa que “estenderían a figura de coidador a todos os centros que o precisaran” e “potenciarían a figura de educador social para atender o alumnado fóra das horas lectivas”. A realidade foi que se reduciron os xa insuficientes coidadores/as e que a figura do educador/a social, aínda que hoxe é imprescindíbel no ensino, segue a ser inexistente

Marcaban como “ obxectivos concretos”, nin máis nin menos, ( sic) “reducir ao 8% a taxa de fracaso escolar “, “reducir ao 10% o abandono educativo temperá” e “conseguir que o 92% do alumnado acadase o título de graduado en secundaria”. Nada se programou nin nada se fixo nese sentido e todas as actuacións foron por sendas adversas para á consecución deses obxectivos: reduciron o profesorado orientador, o de Pedagoxía Terapéutica (PT), o de  Audición e Linguaxe (AL) e  os cadros de persoal dos centros; ampliaron as ratios, e os desdobres e o reforzo escolar son excepcionais, afondando, así, aínda máis, nas causas que levaron a un 24% de fracaso escolar. 

Non tiveron reparo en recoller que (sic) “solicitarían a transparencia do sistema de axudas a bolsas para renovalo profundamente, adaptándoo ás necesidades de Galiza”, mais non só non tomaron ningunha iniciativa neste sentido, cando hoxe son menos os beneficiarios/as e se reduciron na súa contía,  senón que o Conselleiro rendeu vasalaxe ao goberno central, asumindo, nuns casos, a invasión de competencias, renunciando a elas, noutros casos, e usándoas exclusivamente para recortar dereitos e empeorar a calidade do ensino

Fronte á promesa de “construción de novas escolas de idiomas e mellora das existentes” e “xeneralizar as seccións de idiomas nos IES de Galicia”, o certo é que non se  construíu ningunha escola oficial de idiomas, a pesar de que moitas das actuais son totalmente insuficientes e miles de persoas quedan sen praza pola insuficiente oferta. O  que si se xerou foi unha grande conflitividade, debida á reestruturación drástica do profesorado coa perda de varios postos de traballo, sobrecarga de horario lectivo e impartición de afíns, que foi contestada con diferentes mobilizacións . A aposta do PP non é outra que avogar pola privatización e non por dimensionar os estudos oficiais de idiomas na rede pública.

Nesta lexislatura, a persecución do noso idioma foi constante e minuciosa: derrogouse o Decreto 124/2007, que procuraba o ensino en galego, como mínimo, nun 50%, substituíndoo por un Decreto de Plurilingüismo que prohibe, por primeira vez, impartir na nosa lingua  Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía e  reduce á mínima expresión o ensino en galego, desaparecendo na súa totalidade da maioría das aulas de Educación Infantil. Minguaron os  orzamentos dedicados á normalización lingüística nun 60% e as axudas aos equipos de normalización lingüística nun 75%, en relación aos do 2009,  e eliminaron a obriga de coñecer o noso idioma para acceder á función pública. Estas son algunhas das variadas e numerosas medidas aplicadas polo PP orientadas ao exterminio da nosa lingua, desterrándoa do ensino e chegando, mesmamente, a censurar un libro de texto por afirmar que o galego é a lingua propia de Galiza. 

O PP deseñou unha política educativa encamiñada a debilitar o ensino público, acrecentando a súa mercantilización e privatización. Trátase de achegar cada vez máis recursos públicos ao ensino privado concertado para así alimentar o negocio e os mecanismos de control ideolóxico da cidadanía. Nestes tres últimos exercicios orzamentais aprobados polo Goberno de Feijoo,  a Xunta destinou preto de 1000 millóns a subvencionar o ensino privado, incluíndo os 9 millóns que recibiron os 5 colexios do OPUS que segregan alumnado por razóns de xénero ou os preto de 200 millóns destinados ao ensino non obrigatorio. Hoxe, un terzo dos centros privados concertados reciben unha extra de 520.000 euros para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, cando os centros públicos nin sequera teñen dereito a ela. A maioría destas subvencións van destinadas aos concertos educativos estabelecidos maioritariamente con institucións relixiosas que, con frecuencia, se dotan de idearios de centro ou de proxectos educativos antigalegos, retrógrados e confesionais.

Tanto o proxecto Abalar como a creación dos centros plurilingües teñen a función, xunto coa de minorar o ensino en galego, de potenciar, desviando máis diñeiro público, o ensino privado concertado. Así se explica que só o 6% dos centros  públicos  sexan plurilingües fronte ao 29% dos concertados e que o programa Abalar abranga ao 60% dos centros concertados e só ao 33% dos públicos. A día de hoxe, estes dous programas estrela do PP, evidencian  a súa inoperancia  para cumprir os fins para os que, supostamente, foron creados, pero si se amosan eficaces para   promocionar  os centros concertados, para destinarlle máis diñeiro e para reducir as clases en galego.

O PP aproveitou este mandato para reducir de maneira extrema os orzamentos destinados a Educación, xa de por si moi limitados. Se os orzamentos tiveran medrado na mesma proporción que o IPC e tomando como referencia os orzamentos da Consellaría de Educación do ano 2009 - últimos do anterior goberno da Xunta-  os deste ano terían que verse incrementados en 425 millóns , é dicir, un 16,4% . Isto resulta moito máis grave se temos en conta a porcentaxe do PIB que se dedica a educación que só acada o 4.7%, moi lonxe do 7%, porcentaxe necesaria para garantir un sistema educativo equitativo, inclusivo e compensador para conseguir a igualdade de oportunidades e  facilitar un ensino de calidade para todos e todas.

Remata unha lexislatura en que o PP suprimiu 322 unidades en Educación Infantil e Educación Primaria, pechou 46 escolas públicas, mentres concertou 27 novas unidades no ensino privado, suprimiu 53 postos de orientación escolar e reduciu  o profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe nos centros. Clausurou e privatizou escolas de infantil “Galiña azul”, ampliou a 30 os alumnos/as  por aula nos Programas de Cualificación Profesional Inicial, máis de 1000 profesores/as teñen que impartir materias das que non son especialistas, suprimiu máis  de  2000 postos docentes no ensino público, despediu miles de interinos/as, ampliou o horario lectivo do profesorado, restrinxiu o uso de comedor escolar, minguou os orzamentos para o funcionamento dos centros  e as actividades extraescolares continúan sendo privativas para unha grande parte da sociedade.

 

"O PP suprimiu 322 unidades en Educación Infantil e Educación Primaria, pechou 46 escolas públicas, mentres concertou 27 novas unidades no ensino privado,"

En conclusión, a herdanza deste trienio negro resúmese nunha política educativa demoledora de todos os avances acadados anteriormente, no menosprezo ao profesorado, ao laminar os seus dereitos e consideración profesional, no fomento da mercantilización e privatización para acrecentar as subvencións ao ensino privado, no desleixo do ensino público e da súa calidade e na cruzada contra o noso idioma. Menos recursos, alumnado peor atendido, descoido pola atención á diversidade e polas necesidades educativas especiais, destrución de emprego, menos profesorado nos centros e máis alumnado por aula. Máis dificultades para estudar, menos oportunidades,  menos galego nas aulas e  máis exclusión social.

Feijoo algunha pena terá  que redimir polo incumprimentos do seu programa e o destruído nestes anos. Mais, seguro, que  a xustiza  non o condenará, aínda que haxa probas irrefutábeis de prevaricación e falsidade para podelo condenar. Xulguémolo  nós o día 21 de outubro, desterrándoo da Xunta de Galiza.

 

Comentarios