Opinión

Rajoy -en plasma- vivo: crónica alucinada

Hai uns meses dabamos a coñecer o silencioso proceso polo que o home que exercía de presidente de España, Rajoy-en-carne-viva, fora misteriosamente substituído por un, ou varios,  Rajoy-de-cartón. Nunca o descubririamos se non fose polo clamoroso detalle de que nunca sabía de que lle estaban a falar nin acertaba a contestar o que lle estaban preguntando. Algo inesperado pasara que non dera tempo a ensaialo mellor.

Rajoy sumiu, apuntabamos de aquela, incapaz de soportar o to be or not to be do ilóxico papel que lle tocara representar nesta opereta de marca española. Pero se cadra non. Se cadra estabamos enganados e deberiamos considerar a hipótese de que Rajoy-en-carne-viva simplemente se retirase a meditar no deserto, como os grandes sabios. Quen non se sentiu algunha vez necesitado de parar, deixalo todo e pensar con calma para poder tomar unha decisión –a decisión– e seguir a diante? O fillo de Deus fíxoo, e reparemos en quen era o pai!, tomou alento e seguiu co seu destino. Polo tanto, cabía aínda a esperanza do reencontro co pobo atribulado xa coas ideas máis claras.

"Gustoume ver os pastoriños reunidos na sala onde se produciu o inesperado milagre: humildados, oferentes, tomando nota nas súas libretiñas para compoñer himnos e glorias de adoración"

Ben, xa pasaron os corenta días de rigor no deserto e, cando todos esperabamos un sinal... velaí o milagre! Rajoy reaparece transmutado de carne en plasma.

Os varóns asinalados coa variña máxica do poder nunca abandonan as súas esencias, simplemente cambian de formato para adecuarse mellor ás circunstancias. E todos debemos recoñecer humildemente que este novo formato, Rajoy-en-plasma-vivo, é perfecto tanto para o contexto inestable que vivimos como para a natureza da mensaxe coa que nos agasalla: transparencia plasmática, prosperidade neoliberal, un novo grupo terrorista e antisistema a quen odiar e remolacha azucareira marca España.

Gustoume ver os pastoriños reunidos na sala onde se produciu o inesperado milagre: humildados, oferentes, tomando nota nas súas libretiñas para compoñer himnos e glorias de adoración ao líder tan graciosamente transubstanciado. Despois de todo, un acto de fe é o único que se nos pide.