Opinión

Que volva a prensa, por favor

Unha enquisa da pasada semana sinalaba que o 56 por cento dos españois se declaran "cansos" de que os xornais dean tantas "malas novas".

Unha enquisa da pasada semana sinalaba que o 56 por cento dos españois se declaran "cansos" de que os xornais dean tantas "malas novas". O estudo estaba feito por un xornal que só dá "boas novas" (a saber que significa iso), o cal, en principio, pode indicar que é un medio que manipula a realidade, que a pinta segundo o seu gusto ou o da xente qu eo le, mais, sen o ter lido na vida (nin creo), podo afirmar que non moito máis do que o fan as (auto)chamadas grandes cabeceiras (e comprobado como abordan certos asuntos, mellor sería chamar grandes cabezóns).

A min non me preguntaron nesa enquisa, (de feito, nunca me preguntan en ningunha enquisa, sinto como se non existise, como se non fose, nin para numerificarme me queren) mais, se o fixeran, tería dito que do que estou farto non é de que a prensa me dea malas novas, senón que do que estou farto é da prensa, así, sen máis, farto duns medios de comunicación que teñen renunciado a informar, dende a independencia, dende a lealdade á verdade e aos lectores e lectoras, en favor dos ingresos publicitarios, moitos deles, mira ti que casualidade, que entran ou non na empresa xornalística segundo o alcalde ou presidente de deputación ou conselleiro queira ou non. Así que olliño con airear segundo que cousas, contar segundo que outras ou criticar a segundo quen non conveña criticar. Diría, se me preguntasen nunha enquisa tan curriña e fundamental para entender a sociedade actual e a súa deriva, que estou farto, en definitiva, de ver como o famoso cuarto poder renuncia á súa sagrada esencia, co ben que a todos nos faría que se dedicasen de verdade a facer o seu traballo. Farto de que se entreguen e poñan a disposición de campañas espúreas, da reprodución de mentiras ou a arrolar políticos indignos.

Eu, do que estou farto, é de que a prensa estea desaparecida, entregada, sumisa, evadida e difuminada.

Eu, o que quero, é que volva a prensa, por favor.

Comentarios