Opinión

Pescanova como metáfora

A gravísima situación pola que atravesa Pescanova é un novo elo na xa longa cadea de desfeitas que nos últimos anos ten abalado o aparato produtivo de Galiza.

A gravísima situación pola que atravesa Pescanova é un novo elo na xa longa cadea de desfeitas que nos últimos anos ten abalado o aparato produtivo de Galiza. Ten responsábeis, con nomes e apelidos. Os directivos da empresa, por suposto, a comezar polo presidente, Manuel Fernández de Sousa. Mais tamén a responsabilidade apunta para a política. A nefasta concepción segundo a cal a mellor política industrial é a que non existe ten resultado na deterioración de empresas básicas, vertebrais, da estrutura económica de Galiza. Deterioración e/ou desgaleguización. Agora é Pescanova -todo apunta a que podería pasar á área de influencia catalá-, mas antes foi Unión Fenosa -tamén controlada agora por capital catalán-, Fadesa, R, as caixas, o Banco Pastor, Azkar...

Pescanova ten unha débeda de arredor de 3.100 millóns de euros. Estamos perante o segundo maior concurso de acredores da historia de Galiza, após do de Fadesa (a inmobiliaria deixou un fardel con pagamentos pendentes por valor de 7.000 millóns de euros). 

A desfeita de Pescanova é unha metáfora de como funciona o capitalismo global. É unha empresa orixinariamente vinculada á economía real, a un sector estratéxico para Galiza. Mas o seu crecimento foi desordenado e irracional, guiado pola procura do lucro fácil e pola exploración en condicións muitas veces abusivas de recursos naturais dos países do Terceiro Mundo. Na última fase, entregouse a un brutal proceso de apalancamento para financiar a súa aposta nas macroplantas de acuicultura. A súa alianza coas caixas, deterioradas pola súa selvaxe exposición ao negocio inmobiliario e liquidadas por unha decisión do goberno do Estado para as entregar á banca privada, findou por empurrar Pescanova á quebra.

Alén do máis, existen graves suspeitas sobre irregularidades na xestión do máximo dirixente da compañía, Fernández de Sousa, quen sempre mantivo intimidade cos chefes do PP en Galiza, de Fraga a Feijóo. De Sousa coaccionou ao bipartito con exixencias propias dun señor feudal, felizmente non satisfeitas. O PP si que se puxo ás súas ordes. Agora o PP debería dar unha explicación á sociedade galega sobre a xestión do seu protexido. De Sousa vendeu 30 millóns de euros en accións de Pescanova e fíxoo ás costas da empresa, e cando xa sabía que esta estaba moribunda. Especulou coa súa propia empresa. Non contento con iso, emprestoulle parte do botín -9 millóns de euros- nun crédito a 3 meses e cun xuro usureiro do 5 por cento!! Estes capitalistas son os que están pondo o capitalismo na crise máis grave desde os anos '30 do pasado século.

Mentres todo isto acontecía, Feijóo estaba en México, vendendo por enésima vez a mercadoría dos xa míticos floteis de Pemex. Feijóo liscaba de Galiza para   desviar a atención sobre a súa relación co narco Dorado. Volta do país azteca sen nada na alxibeira, con non se sabe que vagoroso compromiso sobre non se sabe que concurso, o de sempre, nada. A oposición faría ben en o interpelar canto antes no Pleno do Parlamento sobre a destrución do aparato produtivo de Galiza que ten caracterizado, e caracteriza, a súa xestión ao fronte do goberno galego.

Comentarios