Opinión

Un pensionazo anti-social e anti-galego

A nova contrarreforma das pensións promovida polo Goberno do PP torna aínda máis penosas as condicións de vida de centos de miles de persoas na Galiza.

A nova contrarreforma das pensións promovida polo Goberno do PP torna aínda máis penosas as condicións de vida de centos de miles de persoas na Galiza. Chove sobre mollado. Na súa última estadía na Moncloa, o PSOE, e coa benzón dos sindicatos estatais, contra-reformou tamén o sistema público das pensións, val dicer, rebaixounas, con grave quebranto para as economías máis modestas.

Son políticas teimudamente anti-sociais e sono tamén teimudamente anti-galegas, sendo que as pensións no noso país figuran entre as máis baixas do Estado. O promedio da prestación galega sitúase nos 721 euros mensais, face os 858 da pensión media española.

O sistema público é viábel con outra polítia fiscal e se se incrementan os salarios reais d@s traballador@s

Ao comezo da crise, a banca privada marcouse dous obxetivos básicos. O primeiro, o desmantelamento das caixas de aforro. O segundo, o asalto ás pensións. Inducir á xente a subscribir planos de pensións privados era o albo que perseguía a grande banca española. A satisfacer os seus desexos entregáronse sen se enrubiaren Zapatero, en primeira instancia, e agora Rajoy.

Non son sustentábeis os argumentos que emprega a Moncloa para xustificar o pensionazo. A chave non está na maior ou menor esperanza de vida e si nos ingresos do Estado. O sistema público é viábel, a condición de que haxa outra política fiscal e se incrementen, e non decrezan, os salarios reais das traballadoras e dos traballadores.

Comentarios