Opinión

O Papa de Entroido

Ten todo o senso do mundo que o Papa decidise deixalo xusto polo Entroido. A fin de contas, os curas e as monxas son das poucas persoas que poden ir disfrazadas todo o ano. E así como non hai un disfrace de escritor, si que o hai, e con varios modelos segundo sexas pre ou post-conciliar, se traballas para a católica e agora descabezada igrexa de Roma. De monxa haiche menos.

Ten todo o senso do mundo que o Papa decidise deixalo xusto polo Entroido. A fin de contas, os curas e as monxas son das poucas persoas que poden ir disfrazadas todo o ano. E así como non hai un disfrace de escritor, si que o hai, e con varios modelos segundo sexas pre ou post-conciliar, se traballas para a católica e agora descabezada igrexa de Roma. De monxa haiche menos. Pero en fin, a muller non é precisamente un tema que preocupe aos crentes nin as (iso é mais grave) crentes. Ademais, este papa pasará á historia xa non so por esta demisión divina, senón tamén polos modelitos chic con que nos sorprendeu durante o seu reinado, a saber, sombreiros como antes nunca se viran, capas fascinantes de ser doutro planeta...non son quen de lembrar mais nada do seu paso pola cadeira vaticana. En fin, si: cargouse ao pobre boi dos nacementos, co bonito que quedaba... Non pasará a historia como o papa que puxo a andar aos curas pederastas, nin tampouco por ter avanzado na defensa do Terceiro Mundo máis aló de ter rezado por el, cousa que se lle valora aínda que é parte das obrigas do cargo.

"Falan de igualdade ao tempo que dirixen exclusivísimos (iso quere dicir carísimos) colexios privados onde so as persoas máis ricas poden meter ás súas crianzas"

Que o papa marche xusto polo entroido ten tamén lectura gorentosa e interesante, por evidente: o papa pertence a unha organización na que, coma no entroido, nada é o que parece. Unha institución permanentemente disfrazada, agochada baixo unha aparencia de pureza e solidez ética que, está claro, está moi lonxe da verdade. Como cando eu, polo entroido, poño peluca. Semella que teño un pelazo. Pero non. Miren a foto. Non.

A igrexa fala de pobreza a pesar de que levan séculos vivindo coma Deus (era moi doada esta brincadeira, disimulen) e a pesar de que co valor dos seus tesouros arranxaban boa parte da pobreza do mundo para sempre. Falan de igualdade ao tempo que dirixen exclusivísimos (iso quere dicir carísimos) colexios privados onde so as persoas máis ricas poden meter ás súas crianzas. E falan de humildade a pesar de que en toda a historia sempre se puxeron da parte dos poderosos (a España franquista, o Chile de Pinochet...) adoptando dende logo que un discurso moi afastado da humildade predicada.

Normal que se escolla o Carnaval para anunciar a demisión. Bieito XVI, parado de luxo, pertence á Empresa da Grande Entroidada.

Comentarios