Opinión

O nexo entre reforma e ruptura

A baixada da prima risco e o aumento da Bolsa no Estado español, despois de declarar Draghi que mercaría débeda de xeito ilimitado, é indicativo de que está próximo o resgate, e polo tanto un acordo entre o goberno español e máis a Unión Europea. O pacto demórase porque existen intereses contrapostos das burguesías e cada parte procura tirar a máxima tallada.

A baixada da prima risco e o aumento da Bolsa no Estado español, despois de declarar Draghi que mercaría débeda de xeito ilimitado, é indicativo de que está próximo o resgate, e polo tanto un acordo entre o goberno español e máis a Unión Europea. O pacto demórase porque existen intereses contrapostos das burguesías e cada parte procura tirar a máxima tallada. No único aspecto en que hai complicidade é en sacrificar os territorios máis débiles e dependentes (como Galiza) e as clases populares. Non é circunstancial que Rajoy diga que o Estado español debe facer hoxe o que Alemaña acometeu hai unha década, en referencia á perda de dereitos laborais; nin que se aumente a fiscalidade sobre as clases subalternas, mentres que se dá unha amnistía á fraude fiscal e se manteñen imposicións mínimas aos grandes patrimonios, lucros empresariais e altos ingresos do traballo. Tampouco é unha casualidade, que malia que este axuste afecte a todo o estado, se ollamos para alén das cifras macro, podemos constatar que se está destruíndo o tecido económico estratéxico dos territorios dependentes, como o noso país (naval, gandería, pesca, banca), con consecuencias catastróficas a curto e longo prazo. Máis unha vez, o centralismo español será o gran beneficiado ao final de conxuntura, de continuar esta tendencia. Foino antes co auxe neoliberal e vaino ser agora con este reaxuste do modelo. A demora do acordo pode ter dous motivos máis: esperar a que pasen as eleccións galegas e vascas, e que aínda falten perfilar algúns detalles.

Non coincido con aquelas persoas que todo o reducen a imposicións dos grandes grupos económicos dos países centrais, especialmente da Alemaña, xa que as clases dominantes do Estado español apoian no esencial as regras de xogo imperantes: euro, mercado único, directiva de servizos, etc. Neste momento son maiores as contestacións da alta burguesía alemá ás decisións económicas da Comisión e do BCE, que as que se manifestan nos grupos de poder españois (será porque as ven como máis negativas para os seus intereses). Lembremos que a soberanía na Unión Europea reside en cada un dos estados membros; calquera deles pode tomar a decisión de saír cando o considere oportuno, con atrancos, porén poden facelo. Temos como exemplo a situación do Reino Unido que non forma parte da eurozona, nin asinou determinados acordos, por exemplo o de Schengen, porque non lle interesa aos grupos dominantes ingleses. Con todas as eivas que poida ter, para as clases dominantes do Estado español, ou para a fracción máis forte delas, aceptar as duras condicións dos seus socios europeos aínda lles é funcional aos seus intereses. Seguramente porque unha gran parte do seu lucro obtense fóra do territorio do estado e na especulación financeira, ou porque pensan que a baixada de salarios vai aumentar os seus beneficios aínda reducindo as vendas, ou porque coidan que a ruptura co euro e a UE mudaría a correlación de forzas no Estado español afectando aínda máis negativamente os seus intereses.



"As clases dominantes do Estado español apoian no esencial as regras de xogo imperantes"

 

O Estado español non é unha colonia, nin un país dependente, só é un socio medio desta entidade política chamada Unión Europea xestionada como se fose unha empresa. A Comisión Europea impón criterios, que normalmente son aceptados con distinto grao de complicidade por todos os integrantes, as diferenzas poucas veces son destacábeis. Rajoy hoxe, como Zapatero antes, non se rebelou, non volveu ao seu país dando por rachadas as negociacións e reformulando as regras de xogo e a pertenza a unha unidade que xa non valía. Fixeron teatro para que as persoas afectadas, as clases populares e os territorios periféricos do estado (e entre eles especialmente as nacións colonizadas como Galiza), aceptasen mansamente as medidas adoptadas. Sementaron na conciencia colectiva a idea de que non había ren que facer, que era consecuencia de que gastamos máis do debido, que traballamos pouco e gañamos demasiado. Merkel fai o propio en Alemaña mais co discurso inverso, incidindo en que deben seguir financiando os países periféricos para evitaren a ruptura do euro e a desfeita de Europa. Escenificación para enganar a xente co propósito de agochar os escuros intereses que defenden todos estes dirixentes de partidos políticos servís ao gran capital. A alta burguesía cada día está máis ligada ao mercado globalizado e á especulación financeira, ao negocio da alienación na información, á depredación do medio ambiente, á actividade militar, á droga, ao lucro do mercadeo coa emigración, etc. 

"A alta burguesía cada día está máis ligada ao mercado globalizado e á especulación financeira"

A globalización neoliberal é proporcional á perda de peso económico e político dos sectores produtivos, en beneficio da especulación e de todos tipo de actividades delituosas, porén tamén favoreceu como nunca antes a concentración e centralización da riqueza e do poder, evidentemente alentada pola revolución informacional das últimas décadas. Na práctica é a manifestación actual do vello imperialismo, mais agora a súa vangarda non é a invasión militar, senón os medios de comunicación e lecer de masas e as grandes empresas. A violencia directa, cando é necesaria para impor o dominio, despois de esgotados os outros recursos, faise moitas veces colectivamente coa OTAN (Iraq, Afganistán) ou apoiando e armando grupos de oposición internos (Libia, Siria). Relacionado coa globalización dinos Ronaldo Fonseca que: “xa produciu en apenas dúas décadas unha polarización da riqueza absolutamente colosal, xerando un crecemento avasalador da pobreza e da miseria a escala mundial. Coa novidade de que este proceso, antes continuado e desenvolvéndose prioritariamente no eixo centro-periferia, imperialismo-países dominados, adquiriu efecto de transversalidade, atinxindo as clases traballadoras, os campesiños e a pequena burguesía dos países desenvolvidos, nomeadamente, da Europa Occidental e dos Estados Unidos” (Marxismo e Globalização; Campo das Letras, Portugal, 2002).

Polo tanto neste contexto non abonda con tomar medidas económicas e sociais favorábeis ás clases populares, porque serían ineficaces se ao mesmo tempo non se van cortando os tentáculos dos grandes grupos económicos en todas as esferas, se non se debilita e reconduce a globalización. Sen dúbida crear unha banca pública, ter uns servizos públicos eficientes e universais é un paso adiante, así como favorecer a actividade produtiva e dar folgos a unha política fiscal máis xusta. Porén todas estas medidas keynesianas poden ser un búmerang se non se supera o neoliberalismo, que é a manifestación do capitalismo nesta etapa, e impide desenvolver estas iniciativas que terminan sendo un fracaso en non poucos casos. Non se poden facer políticas favorábeis ás maiorías sociais, que defendan os intereses do país, nun marco como o da Unión Europea con regras de xogo e todo tipo de medios, que teñen como finalidade concentrar e centralizar a riqueza e o poder. 

"Estas medidas keynesianas poden ser un búmerang se non se supera o neoliberalismo"

Está ben que propoñamos estas medidas reformistas, que son lóxicas e xustas, e melloran conxunturalmente as condicións de vida da maioría social, axudan a conseguir a complicidade de grandes sectores sociais e a mudar a correlación de forzas. Mais para poder seguir avanzando, e que o proceso non remate nun fracaso, temos que superar mediante a loita institucional e a mobilización social as regras de xogo actuais. En poucas palabras: debemos frear e reverter o proceso de globalización neoliberal. O keynesianismo non é viábel neste contexto, non é posíbel avanzar mediante a reforma, fai falla a ruptura. Aínda que ben pode ser unha combinación de ambas, sempre que non as desliguemos no proceso de cambio e unamos as medidas reformistas coas de ruptura, medindo moi ben os tempos. Para fixar solidamente este nexo é fundamental ligar o concreto co xeral e o local co nacional na praxe, en todos os eidos da actividade política, sexa nas institucións, no ámbito sindical ou nas organizacións sociais e culturais. Fixar este nexo nas tarefas prácticas e no discurso, facelo de xeito non artificioso, permite avanzar no proceso de liberación, fuxindo das declaracións demagóxicas infantís e do reformismo político. É esencial rexeitar todo tipo de paternalismo (“a xente nunca está preparada para aceptar plenamente a nosa estratexia e organizarse politicamente”), unha praxe que eiva o nacionalismo e reproduce parcialmente na esquerda os métodos caciquís da dereita.

Non se trata de escoller entre a globalización e a autarquía, está é unha falsa disxuntiva, senón de inserir os pobos no contexto internacional en condicións que garantan a soberanía, a xustiza social e a solidariedade. Trátase de asegurar sociedades cun desenvolvemento sustentábel, autocentrado e democrático, rematando co imperialismo e todo tipo de opresións. A este respecto para Galiza é vital, como nación, recuperar a súa soberanía, porque somos unha nación colonizada, e as contradicións nacional e de clase están unidas nesta etapa, ¡ambas deben ter un papel principal! Iso significa que na actividade cotiá deben estar presentes no discurso partidario, sindical, social e en calquera outro ámbito. Un camiño que pasa nunha primeira etapa por derrotar ou debilitar esta asociación perversa con fins imperialistas, externos e internos, que é a Unión Europea. Non existe ningunha posibilidade de avance social e nacional para Galiza e o seu pobo neste marco, porque a correlación de forzas é inmensamente desfavorábel. Neste intre son moitas e moi graves as contradicións dentro da Unión Europea, e todo amosa que irán a máis no futuro. Sobre elas temos que construír a nosa alternativa para unha nova sociedade. Estamos polo tanto diante dunha proposta fundamentalmente política, na que cambiar a correlación de forzas é esencial. Sería unha traxedia que o capitalismo “implosione, mais non baixo os efectos da mobilización popular” como remarca Samir Amin nunha recente entrevista. Porque deixaríamos nas súas mans a recomposición do sistema, sen aproveitar o momento para construír un mundo máis xusto, democrático e solidario.

"As contradicións nacional e de clase están unidas nesta etapa, ¡ambas deben ter un papel principal!"

Podemos ter un plano B, se as clases dominantes son capaces de manter durante tempo esta “empresa chamada UE” con tantas contradicións e carente de apoio popular, só sustentada no medo a un futuro distinto. Mais o camiño máis factíbel e menos custoso é a ruptura co euro, forzar unha renegociación do programa da UE e senón saír dela. Unha situación deste tipo recompoñería a correlación de forzas no Estado español, daría máis peso ás nacións dependentes e clases subordinadas, e permitiría abrir as portas a unha democratización do Estado, con maiores competencias para as nacións dependentes, unha reforma fiscal, regulación progresista das relacións laborais, etc. Neste novo marco político as medidas progresistas que se puxeran en práctica terían algún futuro, e poderían sumarse a elas outras de máis envergadura, como a nacionalización do sector eléctrico, comunicacións e industrias estratéxicas, nun seguinte paso. Tamén sería factíbel que, a medio prazo, Galiza puidese acadar o dereito de autodeterminación e poder conseguir a plena soberanía, cunha correlación de forzas favorábel, tanto a nivel nacional como internacional. Neste contexto histórico, na Europa Occidental, co noso peso demográfico, non vexo outro camiño para acadar a liberación da clase traballadora galega.


Temos que fuxir da contradición de, por unha banda dicir que o sistema económico e político destrúe o noso país, nos coloniza e super-explota como nunca antes, e pola outra, ao mesmo tempo construír todas as nosas propostas sobre ese mesmo sistema. Temos por diante dúas saídas ben distintas, mais ningunha das dúas permite unha volta á etapa anterior a este duro e agresivo axuste entre clases sociais e entre territorios. 

Manuel Mera