mércores 03.06.2020

O dereito a producirmos a prezos xustos

Sabemos que non son de hoxe nin de onte as mobilizacións do sector gandeiro, como non o son as problemáticas latentes no noso rural.

Sabemos que non son de hoxe nin de onte as mobilizacións do sector gandeiro, como non o son as problemáticas latentes no noso rural. Xa o dixo Castelao: “O día que nós emitamos papel-moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparíamos somentes a figura dunha vaca

Neste mes de novembro, a menos de quince días dunha folga xeral e mentres o aspirante á reelección como presidente da Xunta debullaba no Parlamento as medidas a aplicar na próxima lexislatura, todas tendentes a seguir afondando na implantación de modelos que afogan a clase traballadora e destrúen todos os nosos medios de produción, os labregos e as labregas iniciaban unha nova mobilización e deixaban de entregar á industria leite por valor de varios millóns de euros. Moito diñeiro para economías que xa non resisten máis, e moita paciencia cun goberno que, de golpe, eliminou todas as políticas, certamente insuficientes mais capaces de avanzar na revitalización do medio rural, que puxo en marcha o nacionalismo cando xestionou a política rural.

Francisco Carballo ten sinalado o movemento agrario ou agrarismo como a maior mobilización social da Galiza contemporánea, sen rival e só equiparábel ao movemento Irmandiño do século XV. Entre os seus obxectivos figurou primeiro a loita pola desaparición do "foro", sobre o que se centrou a loita para lograr formas de redimir esta renda centenaria; máis tarde para abolila, para se centrar logo na defensa do labrego, na mellora da produción e na loita contra os males endémicos consecuencia da aplicación de políticas pouco acordes coa nosa realidade.

Hai vinte e cinco anos, nunha impresionante manifestación levada a cabo na Coruña, á que acudiron por volta de cen mil persoas, as xente do campo, e quen con elas se solidarizaban, mostraban a firme decisión de defender a produción leiteira, isto é, o seu pan, o seu medio de vida. E facíano por necesidade, porque desde as institucións europeas se impoñían medidas claramente prexudiciais para o noso rural, e porque desde as institucións do estado se daba a calada por resposta ao tempo que se insistía en que a integración en Europa ía representar unha maré tan grande de beneficios que Galiza sería a representación do paraíso.

Nada diso aconteceu e máis ben se fixo realidade o berro unánime do nacionalismo cando proclamaba “mercado común europeo, ruína do pobo galego” Fomos testemuñas de como as aldeas quedan sen xente, vimos como se pechaban explotacións agrarias, como o rural galego perde, cada día que pasa, a pegada humana, até o punto en que os labregos e labregas son unha especie en extinción nun país rico e con recursos que só precisa políticas globais e conxuntas que aposten por un medio rural vivo e poñan a agricultura e a gandaría ao servizo de toda a sociedade.

O interior da nosa nación estase a converter nun deserto, canto a presenza humana se refire, e a desidia da administración leva a que os nosos produtos sexan comercializados por empresas foráneas, sen esquecer que con políticas como as contempladas na derradeira lei de montes se propicia a transformación de terras agrícolas en forestais. Vimos, e seguimos vendo, como se pechan escolas, como se recortan servizos, como se inxectan inmensas cantidades de diñeiro no sistema bancario e se pon como condición que estes fechen as oficinas do medio rural mais nada se fai polo sistema produtivo.

O problema do leite é o cráter por onde sae toda a lava da política agraria, unha política que non promove unha agricultura xusta e solidaria, que non toma en consideración o dereito a producirmos a prezos xustos, unha política que non comprende que toda a sociedade ten un grande tributo a pagar a todos os labregos -os actuais e os que nos precederon-, por seren eles en boa medida os artífices da ordenación do territorio e porque sabemos que a eles corresponde o maior coñecemento, o uso e a conservación da biodiversidade e porque as loitas labregas foron, desde sempre, a vangarda de moitas conquistas sociais.

O dereito a producirmos a prezos xustos