Opinión

Non ler: isto non é noticia

Non era máis que outro premio Vidal Bolaño das Redes Escarlata. Neste acto de entrega da décima edición, despois de a gaita tocar a alborada de Veiga, Rafael Martínez Castro, decano da Facultade, non se limita a darlle a benvida ás e aos participantes do acto. Deixa o protocolo e fai análise política, fala de Filosofía e acción, fala de palabras a recuperar (revolución), e reclama a presenza na Facultade de Carlos Calvo Varela, na actualidade preso político, encerrado en Topas, Salamanca, en prisión desde hai nove meses, e pendente de xuízo.

Por que falar doutro acto máis dedicado a Vidal Bolaño. Non imos saturar a lectores e lectoras, pensarían nos media. Así que, coa excepción de Sermos Galiza, ninguén avisa do acto que se celebrou este sábado, día 15 de xuño, no edificio barroco de Lucas Ferro Caaveiro, na actual Facultade de Filosofía da universidade compostelá.

Ao cabo, non era máis que outro premio Vidal Bolaño das Redes Escarlata. Neste acto de entrega da décima edición, despois de a gaita tocar a alborada de Veiga, Rafael Martínez Castro, decano da Facultade, non se limita a darlle a benvida ás e aos participantes do acto. Deixa o protocolo e fai análise política, fala de Filosofía e acción, fala de palabras a recuperar (revolución), e reclama a presenza na Facultade de Carlos Calvo Varela, na actualidade preso político, encerrado en Topas, Salamanca, en prisión desde hai nove meses, e pendente de xuízo.

E a noticia vai ser, en breve, estean vostedes atentos, atentas, o xuízo dos días 24 e 25 do mes que andamos, na Audiencia Nacional, onde se piden 60 anos de prisión para catro persoas.

Ninguén trata nos media desa intervención do decano, que vén a conto de que o premiado neste ano sexa un blog, "De volta para Loureda", un punto de encontro que se achega á situación de presos, de presas galegas. Ninguén dixo, pois isto non é noticia, que o público comeza a se emocionar no Salón de Graos de Filosofía cando fala a xornalista Charo Lopes, que conduce o acto, e coas palabras do filólogo e académico Francisco Fernández Rei, e que os e as asistentes apañamos forzas coa densidade das pezas que interpreta Leo, arremecaghoná!, que bebemos con devoción os recitados de Anxo Angueira e de María do Cebreiro, escoitamos atentamente as súas experiencias de familiar de preso de Belén Quintáns, compañeira de Vidal Bolaño, e o discurso sólido do fillo do noso autor teatral, Roi Vidal, o saúdo e os agradecementos de Xosé Antón Laxe Martiñán, presidente das Redes Escarlata, e as lembranzas de Xosé Luís Méndez Ferrín, que nos fala da súa condición de preso político nos tempos do franquismo e nos da actual monarquía. As palabras de gratitude e de denuncia e de solidariedade con todos os nosos presos de Rosabel Candal en nome dos premiados, mantedores do blog, despois de recoller o agasallo: un cadro de Xoán Pardiñas. Si, moita emoción, como se ve nas caras desta foto, mais tamén o recordo de palabras que intercambian Carlos Calvo e a súa avoa: en Loureda, nós non somos de raza choromiqueira.

A noticia é que un príncipe xaponés anda de paseo con Feijoo camiño de Santiago abaixo, mentres un helicóptero da policía roxe no ceo compostelán deste estraño verán. A manifestación, non, tamén non existen para os media as persoas que percorren, ás sete da tarde do mesmo día 15, as rúas da cidade ao redor dun manifesto cidadán de solidariedade cos independentistas galegos xulgados en Madrid, subscrito por máis de 30 entidades.  Anotemos, outra volta, a excepción, que volve ser  Sermos Galiza.

E a noticia vai ser, en breve, estean vostedes atentos, atentas, o xuízo dos días 24 e 25 do mes que andamos, na Audiencia Nacional, onde se piden 60 anos de prisión para catro persoas. Os media volverán dar un exemplo de independencia, digno de figurar nos anais do xornalismo. Respectarán a presunción de inocencia, pois aos tres homes e á muller ás que se lles aplica unha lexislación de excepción, contestada en instancias internacionais, son, desde hai un ano e medio, presos dos chamados preventivos: presos sen xulgar, pres@s polític@s para amigos de Vidal Bolaño e para manifestantes. Non, non van inventar inimigos, os redactores das novas, non falarán desas misteriosas e perigosas bandas armadas que non coñece ninguén entre nós. E, por suposto, non farán sensacionalismo.

Por iso non convén ler artigos demagóxicos coma este, que falan de premios Vidal Bolaño ou de manifestacións. Estean atentos á prensa profesional, a eses xornais de toda a vida. Así estarán vostedes cumpridamente informados, informadas.
 
Xosé Luís Santos Cabanas

Comentarios