Opinión

Máis un asalto ao ensino público

O Consello de Ministros vén de darlle luz verde ao Anteproxecto de Lei de Mellora da Calidade Educativa, plasmando nel a contrarreforma educativa que o PP se propuxo como unha das prioridades de goberno. Mais este Anteproxecto de Lei non está concibido para emprender a reforma que, sen lugar a dúbidas, se necesita para fortalecer e mellorar a educación pública.

O Consello de Ministros vén de darlle luz verde ao Anteproxecto de Lei de Mellora da Calidade Educativa, plasmando nel a contrarreforma educativa que o PP se propuxo como unha das prioridades de goberno. Mais este Anteproxecto de Lei non está concibido para emprender a reforma que, sen lugar a dúbidas, se necesita para fortalecer e mellorar a educación pública. O verdadeiro motivo é impregnar todo o sistema educativo dos principios que sustentan a ideoloxía neoliberal e así avanzar na privatización e mercantilización da Educación, recentralizar e uniformizar o sistema educativo, repudiando a conformación plurinacional, pluricultural e plurilingüística do Estado español; reforzar a confesionalidade; conformar un sistema máis selectivo, elitista e clasista; segregar o alumnado, mediante itinerarios que o condenan a titulacións diferentes no ensino obrigatorio e expulsan do mesmo os sectores máis desfavorecidos da sociedade; agredir o profesorado, xerarquizando e recortando os seus dereitos laborais e profesionais; eliminar a xestión democrática dos centros e estratificar os centros educativos co obxectivo de crear centros de elite, etc. Trátase, en definitiva, de que o sistema educativo sexa cada vez menos equitativo, de pór en xogo o dereito universal á educación, de desbotar a igualdade de oportunidades e negarnos o dereito a ter un ensino galego, científico e laico, para así fortalecer o papel españolizador ao que contribúe, tan eficazmente, o sistema educativo imperante. Procúrase pór todos os impedimentos posíbeis para que o sistema educativo non deixe ningunha fenda que facilite o coñecemento e o estudo do que nos conforma como pobo.

Toda a armazón desta contrarreforma aséntase en principios mercantilistas e antisociais. Proxecta un sistema educativo orientado e ordenado cara ao éxito escolar do alumnado que non ten carencias de aprendizaxe, con maiores facilidades familiares e de contorna para completar a formación escolar necesaria, pero que, pola contra, conduce ao abandono ou ao fracaso escolar o alumnado falto de recursos, con dificultades na aprendizaxe ou necesidades educativas específicas. Un sistema educativo segregacionista, orientado a afondar, aínda máis, nas desigualdades sociais e a impedir o acceso ao ensino postobrigatorio e universitario ás clases populares. Un sistema educativo ao servizo das clases dominantes e do ensino privado concertado, transmisor da súa ideoloxía, excluínte socialmente e agresivo coa diversidade.

Máis unha vez, o engano e a fraude -unha constante na actuación do PP- están presentes nesta Lei. Noméase “Lei para a Mellora da Calidade Educativa”, cando as medidas a aplicar van en sentido totalmente oposto (reválidas, itinerarios, segregación, menos profesorado, menor calidade do ensino, etc ) e están argumentadas cos Informes PISA, dependente da OCDE, ou cos estudos de entidades financeiras como BBVA que só atenden a resultados estandarizados, sen considerar os diferentes contextos socioeconómicos e os recursos destinados a educación, que son determinantes, na maioría dos casos, nos resultados educativos. A uniformización e os criterios de mercado, que consideran o ensino como unha mercadoría máis, son os preponderantes neste tipo de estudos e informes, que homologan sistemas educativos diferentes con investimentos moi desiguais e herdanzas históricas distintas.

O PP, no seu afán de impedir calquera avance na descentralización educativa que facilite a inserción da educación na nosa realidade, prevé reducir do 45% ao 35% a capacidade legal, mais xa non real, de fixar as ensinanzas mínimas que até o de agora lles corresponden aos territorios con lingua propia. Na práctica, as ensinanzas comúns abranguen a totalidade do horario lectivo. Son poucas as materias que amosan Galiza nos seus currículos. Pois ben, perante a actual desgaleguización do ensino e o descoñecemento do propio, por parte do alumnado, o PP pretende rebaixar nun 10% o dereito teórico a estabelecermos os novos currículos. Unha vez máis, o PP terxiversa a realidade, xustificando esta medida pola suposta diverxencia dos contidos no sistema educativo do Estado español, cando a uniformización e centralización é abusiva. Neste sentido, impropio, mais non sorprendente, é o silencio do actual Conselleiro de Educación que, como bo colonizado e bo vasalo, continúa actuando como un firme baluarte do centralismo, ao someterse aos mandatos de Madrid sen lle importar, o máis mínimo, a recentralización desta Lei, que usurpa diferentes competencias que hoxe se están exercendo.

O estabelecemento das reválidas ao final de 4º da ESO e Bacharelato, como requisito imprescindíbel para conseguir o título que permite acceder ao seguinte nivel educativo, pretende pór as maiores trabas posíbeis á continuación dos estudos, responde, exclusivamente, a unha concepción totalmente clasista e elitista da educación e busca facilitar a exclusión dos máis desfavorecidos socialmente do dereito á educación, cando xa hoxe o ensino público carece de elementos compensatorios para facer efectivo e real o principio de igualdade de oportunidades. Estas son as verdadeiras razóns da recuperación das reválidas ao final da ESO e Bacharelato para poder obter o título e acceder aos seguintes estudos. A reválida vai supor, en moitos casos, unha nova discriminación social, xa que só pretende medir resultados, sen ter en conta o contexto e as circunstancias culturais e familiares, nin as carencias e necesidades para acadar os resultados necesarios. Que pasará cando a continuidade dos estudos estea condicionada a ter superada a reválida correspondente? As dificultades veranse ampliadas para aquel alumnado que necesita dun apoio ou reforzo en diferentes materias e non poida afrontalo mediante clases particulares.

O menosprezo á profesionalidade do profesorado é total, xa que o seu traballo está posto en tea de xuízo na medida en que o resultado da avaliación continua -ferramenta indispensábel para coñecer e ter a información necesaria da evolución do alumnado- deixa de ter valor fronte aos exames de reválida. De nada serve a avaliación continua e a opinión do equipo docente, único coñecedor da marcha escolar do alumnado, das súas circunstancias persoais, familiares e sociais, das súas capacidades, dificultades e actitudes. Todo o traballo pedagóxico, didáctico e de desenvolvemento curricular estará, única e exclusivamente, en función de preparar o alumnado para superar a reválida, ignorando que no proceso educativo interactúan diferentes factores. Quen mellor que o equipo docente, que diariamente imparte as clases, para propor as actuacións e procedementos necesarios para que o alumnado acade os obxectivos tanto de curso como de etapa?

Unha vez rematado 2º da ESO, fórzase o alumnado a ter que decidir ou condicionar de maneira temperá o seu futuro académico e, en boa medida, a súa futura opción profesional, xa que ten que optar por diferentes itinerarios que desembocarán nas ensinanzas académicas ou nas aplicadas, nas que se organiza cuarto da ESO, que conducen, respectivamente, ao Bacharelato e á Formación Profesional,. Créanse os programas de mellora da aprendizaxe e rendemento desde 2º curso de ESO e a súa descrición e orientación está pensada para que este alumnado remate os estudos en 3º de ESO e, polo tanto, abandone a escolarización sen a titulación mínima.

É obriga das administracións educativas garantir a oferta dun ensino común e básico para todos e todas, conculcada por este anteproxecto de lei, xa que empurra unha parte importante do alumnado a non acadar o graduado en ESO, desviándoo, a partir dos 15 anos, á Formación Profesional Básica, estabelecida por esta lei , que non conduce á obtención da titulación ESO nin de Técnico de Grao Medio. O sistema de elección temperá dos estudos reduce a equidade do sistema, supón segregación e autolimita o acceso aos estudos superiores do alumnado

O anteproxecto de lei contempla a creación de centros de elite, de especialización curricular e até de excelencia para un alumado selecto. As avaliacións xerais de diagnóstico, de etapa e as reválidas tamén servirán para configurar unha clasificación dos centros, atendendo aos resultados escolares do alumnado, baixo un procedemento uniformizado para todo o Estado e sen considerar a nosa realidade social, histórica e cultural. A extracción social do alumnado, os recursos familiares, o contorno social e cultural, a porcentaxe de alumnado con necesidades educativas especiais e os recursos de cada centro son determinantes para considerar o rendemento escolar. Mais nada disto interesa. O obxectivo é que estes resultados sirvan de reclamo ou rexeitamento á hora de clasificar os centros e así sentar as bases para crear centros de elite, posibelmente concertados, que dispoñan de máis recursos e medios. Isto comportará a competición entre os centros para situarse o máis arriba posíbel no ránking e a imposición de criterios mercantilistas e competitivos, impropios dun servizo público, que agrandarán a fenda social e a desigualdade entre centros .

Este anteproxecto de Lei liquida totalmente o que quedaba de xestión democrática dos centros educativos. Mingua a participación do profesorado, ao optar por unha organización e un funcionamento unipersoal e xerárquico, no que priman os criterios de competitividade e non de cooperación e corresponsabilidade para un bo funcionamento do ensino público. Concéntrase todo o poder de decisión na dirección, desterrando a participación, pois trasládanlle as competencias do claustro do profesorado e do consello escolar, desde a aprobación da programación xeral anual até decidir sobre a admisión do alumnado. Graves e perigosas son as prerrogativas que, en exclusiva, se lles trasladan ás direccións para poder estabelecer “os requisitos e méritos específicos do profesorado para cubrir postos vacantes no seu centro”, podendo rexeitar a incorporación de profesorado interino, se o estimasen conveniente, ou propor o nomeamento de profesorado sen previo concurso. Estas atribucións, amais de inaceptábeis, contradín os criterios de igualdade, mérito e obxectividade que debe observar a cobertura de postos na administración pública. Lamínase calquera vestixio de xestión democrática dos centros públicos, ao reservarse á administración educativa a potestade final de elixir as direccións, atribuíndolles todas as competencias para que poidan actuar unilateralmente e concibíndoas unicamente como representantes da administración, sen obriga de consensuar as decisións e de render contas ao claustro de profesores e ao consello escolar. O funcionamento dos centros precisa da colaboración e de acordos e decisións compartidas por todas e todos. Para iso é necesario que os cargos directivos sexan elixidos democraticamente e o profesorado participe en todas as decisións pedagóxicas e tamén nas concernentes ao funcionamento e organización do centro escolar.

O desprestixio e a afronta continua do PP ao profesorado (rebaixas salariais, eliminación pagas extra, ampliación do horario lectivo, penalización de baixas por enfermidade, ampliación de ratios nas aulas, etc) vense agora incrementados neste anteproxecto de lei ao infravalorar e cuestionar o seu traballo e liquidar, na práctica, a liberdade de cátedra. Por primeira vez, unha lei condena o profesorado a desempeñar funcións noutra etapa ou ensinanzas distintas ás asignadas ao seu corpo, a trasladarse forzosamente a centros educativos distintos ao do seu destino, aínda que implique cambio de residencia, ou a modificar a adscrición do posto de traballo do que é titular. A esta mobilidade xeográfica e funcional sumáselle a pretensión de condicionar as súas retribucións aos resultados académicos do alumnado, cando a avaliación do traballo docente ten que considerar, entre outras, en que condicións se imparten as aulas, os recursos e as carencias dos centros, o alumnado con necesidades educativas especiais, as ratios, etc. O profesorado convértese nun comodín da administración, agredido na súa dignidade profesional e menosprezado ao reducirlle os seus dereitos profesionais máis fundamentais. O propio Ministro non tivo reparo en recoñecer, explicitamente, que o profesorado ten que estar disposto a impartir as materias que sexan necesarias para completar o seu horario, aínda que non sexan da súa especialidade, e así reaxustar e reducir os cadros de persoal dos centros, o que significa unha mingua importante na calidade do ensino, destrución de emprego, inestabilidade e redución dos cadros de persoal nos centros. Esta é a verdadeira autoridade da que o PP imbúe ao profesorado: nada se lle consulta e todo se lle impón no seu prexuízo.

As reminiscencias do franquismo afloran en diferentes artigos deste Anteproxecto de Lei. Están presentes na consagración do dereito aos concertos educativos para os que segregan alumnado por razón de sexo; na restitución das reválidas do antigo 4º e 6º de Bacharelato, agora ao final da ESO e Bacharelato; no nomeamento das dirección e nas súas prerrogativas; no currículo da nova materia de Educación Cívica e Constitucional, que se converte nun adoutrinamento do alumnado e no repudio á diversidade nacional, cultural e lingüística do Estado, é dicir, aos dereitos dos pobos; na sacralización da constitución e do dominio como relación social, no compendio de doutrina reaccionaria no económico social e humano e na omisión da educación para a igualdade, para a solidariedade e a xustiza social e para a solución pacífica dos conflitos.

Estamos ante unha norma involucionista que desterra a coeducación como principio que debe embeber todo o sistema educativo , ordena a educación baixo criterios de mercado, destrúe emprego, destina máis diñeiro público ao ensino privado, ao ampliar os concertos, priorizando os referidos a F.P Básica e facéndoos posíbeis no Bacharelato; desvaloriza a Formación Profesional, pregándose aos intereses dos empresarios; desenténdese da atención á diversidade, da educación personalizada, do reforzo educativo e da orientación educativa, imprescindíbeis para afrontar, con toda garantía, un ensino equitativo, inclusivo e de calidade .

A previsión, no anteproxecto de Lei, da ampliación do horario lectivo das materias instrumentais farase en detrimento doutras materias, mais non da relixión que segue sen ser excluída do ensino. Todo o contrario, o PP aproveite esta Lei para garantir e legalizar os concertos educativos nos centros que segregan o alumnado por razón de sexo, malia que o Tribunal Supremo sentenciara a ilegalidade de estabelecer concertos educativos con este tipo de centros.

Todo indica que o PP aplicará o pisón para aprobar esta lei , sen ningún tipo de debate e consensos mínimos, de costas e co rexeitamento do profesorado. Menosprezará a diversidade cultural e lingüística. Desprezará o traballo do profesorado, laminando os seus dereitos. Desterrará calquera medida encamiñada a reducir o fracaso escolar, a conseguir un ensino laico, a suprimir os concertos educativos e a mellorar a calidade e fortalecer o ensino público. Nós batallaremos para denunciar cales son os verdadeiros obxectivos do PP con esta Lei, para que o conxunto da sociedade teña conciencia de que estamos ante unha Lei ao servizo da españolización do ensino e dos intereses económicos e ideolóxicos que representa a patronal do ensino concertado. Unha Lei que limita o acceso á educación das clases populares, arrasa coa igualdade de oportunidades e supón unha agresión á educación como dereito universal e gratuíto. En definitiva, unha Lei recentralizadora, privatizadora e clasista. Unha Lei reaccionaria en toda a súa extensión.