Opinión

Feijóo foi a México a vender unha empresa galega

Xa sabemos a que foi Feijóo a México.

Xa sabemos a que foi Feijóo a México. Non foi só a fuxir da sombra de Marcial Dorado (van empeño: é demasiado alongada e vaino acompañar o que lle restar de vida política). Foi tamén a vender un esteleiro galego. A entregalo.

A cousa non ía nen de 14 rebocadores nen de 2 floteis. A cousa ía de vender unha nova xoia da coroa. A este paso que nos vai quedar? As caixas. R. O Banco Pastor. Pescanova. Barreras... A perda de control, o desaparecimento, a absorción de compañías fulcrais do país continúa.

Curiosos estes neoliberais do PP galego: con eles no goberno, o país está a sofrer un proceso de descapitalización sen precedentes. O capital español e estranxeiro estanos entrando até a cociña.

O aparato de propaganda trompeteará a extraordinaria xestión de Feijóo, privatizador teimudo que paradoxalmente se bota no colo dunha empresa estatal, neste caso mexicana. Por certo, nada distinto do que fixo Aznar: privatizou Endesa -o proceso comezouno Felipe González- para lla entregar a unha empresa participada polo sector público italiano.

Que diga o que queira a imprensa amiga: coa venda de Barreras, temos menos control da nosa economía, somos máis dependentes, máis febles, e as nosas plusvalías, no canto de ficaren aquí, viaxarán até México, o país ao que voou Feijóo para deixar atrás o espectro de Marcial Dorado.

Comentarios