Opinión

Dúas vidas de mulleres coa reforma dunha lei de fondo

Acordou cedo algo inqueda. Pechou os ollos para seducir o sono. Mais non foi posíbel convencelo.Aquela humidade incorporouna da cama violentamente. Sentada, abeirada no seu estremo límite para manter a semiverticalidade, as imaxes visionadoras comezaron a viaxar aceleradamente e sen goberno por unha mente que teimaba en botar o pulso da racionalidade ao pulso do corazón desalentado. Non pode ser, antonte estaba todo perfecto.

Acordou cedo algo inqueda. Pechou os ollos para seducir o sono. Mais non foi posíbel convencelo.

Aquela humidade incorporouna da cama violentamente. Sentada, abeirada no seu estremo límite para manter a semiverticalidade, as imaxes visionadoras comezaron a viaxar aceleradamente e sen goberno por unha mente que teimaba en botar o pulso da racionalidade ao pulso do corazón desalentado. Non pode ser, antonte estaba todo perfecto.

Mellor sería recostarse novamente. Non podía ser e non ía ser. O tempo límite dos medos estaba superado. As semanas andaran lentas, si, mais acabaran por enfiaren días e noites regulamentarios.

Xa non podía ser e non ía ser.

Aquela humidade calaba o corpo e a alma tamén. Cumpría erguerse, amodiño, pasiños demorados até o baño próximo. A procesión dos caladiños para non espertar ninguén máis, para que non fixesen preguntas que aínda non podían ter resposta certeira.

E alí confirmou. Aquela humidade era síntoma de perda de calor, ameaza de perda de vida xa lograda.

Viaxe interminábel á procura de respostas de resolución a tantas preguntas incomprensíbeis. Horas incógnita en agarda e alarma prendida. Só o tempo tiña a última palabra. Doce horas xogadas ás agachadas para determinar o FIN. Game over! E tocáballe perder, perdel@ para sempre.

Precisaba respostas. Autoinculpación. Que puiden facer mal? Provoqueino eu? Mea culpa?!

Nada. Non e non! A natureza é sabia, respondeu o facultativo de garda naquel día feriado nacional.

As bágoas cederán o paso ao sosego ao saberes que o aborto espontáneo adoita producirse, con moita maior frecuencia do que parece, como resposta do corpo materno perante a detección de anomalías no feto. Asume que algo non ía saír ben e a interrupción prematura espontánea actuou por ti en beneficio múltiple.

O retorno do quirófano marcaba un tempo cero para unha nova partida que xogar á vida desde a experiencia aprendida a lume e ferro.

Xullo de 2012

O tempo transcorrera, semana tras semana, mes tras mes, desde aquela confirmación cientificamente testada até aqueloutro día en que, no silencio que acompañaba a primeira raiola matinal, sen avisar, un mainiño rebulir interno estabelecera a súa primeira comunicación nun código morse descoñecido. De verdade estás aquí!? Benvid@!

A tensión da espera frecuentaba pensamentos a calquera hora do día e estremecía o desvelo nocturno. Terían chamado antes de hoxe, seguro, se houbese algo que comunicar. Insistiran moito! Os prazos legais son estritos. Polo tanto cada día superado era unha angustia sufocada, un queimalume extinguido.

Todo vai saír ben! Esta nosa linguaxe interna medra cada día. Mesmo aprendín a procurar resposta desde o meu estímulo. Chámote, cando xa te estraño, e respondes nun diálogo táctil cutáneo que aos dous nos pertence e que eu non sei descifrar fóra de min.

Amencía a cita agardada coa ciencia á procura do acougo definitivo que permitise unha xestación libre de temores e angustias. Había que concentrar esforzos para o grande día das presentacións!

A amniocentese convocou a impotencia para berrar pola frustración. Graves anomalías no feto. Trisonomía do 21. Síndrome de Down. Posíbel cardiopatía. Tendencia a desenvolver leucemia.

O silencio lostregou lategazos naquel corpo que se debatía internamente. Urxía optar, escoller, ficar illada no presente descorazonador ou comprometer o futuro, o dela, o del, o de todo o contorno afectivo. A lei amparábaa. A sanidade pública protexíaa.

As voces morais fixeron acto de presenza no escenario candente. Precisábase friaxe na conciencia. Ela tiña que se defender. Ela tiña que escribir en carne viva cada palabra, unha por unha, daquela acepción aséptica do dicionario:

Liberdade: Dereito e posibilidade de poder actuar unha persoa segundo os propios criterios e de decidir por ela mesma aquilo que lle atinxe, sen estar sometida ás imposicións doutros.

Ela exercía o dereito a decidir. El tiña que a escoitar para a apoiar. As dúas eran caras indisolúbeis. Iniciaran xuntas o camiño, percorreran xuntas o maratón e superaran obstáculos con pértega asida nunha única man común.

O retorno do quirófano marcaba un tempo cero para unha nova partida que xogar á vida desde a experiencia aprendida a lume e ferro.

Comentarios