Opinión

Detrás da rebelde carauta está a face ultraconservadora

“A verdade corrómpese tanto coa mentira como co silencio (Cicerón)”  A velocidade de transmisión da información a través das redes sociais é absolutamente magnífica, mais esa rapidez en pulsar un intro traizoa a moita xente que non é quen de comprender e dixerir unha información determinada.

“A verdade corrómpese tanto coa mentira como co silencio (Cicerón)”

 A velocidade de transmisión da información a través das redes sociais é absolutamente magnífica, mais esa rapidez en pulsar un intro traizoa a moita xente que non é quen de comprender e dixerir unha información determinada.

Isto é o que vén de pasar cun artigo que chega veloz por moitas vías simplemente reenviado, como grande cousa, pensando que recolle algo rebelde. Falo do artigo asinado pola economista alemá Stefanie Claudia Müller, e doutro asinado con Roberto Centeno, que é o que circula en español, aínda que presentado como de autoría exclusiva de Müller, facendo referencia a que foi publicado en varios xornais económicos alemáns e censurado no Estado Español, absolutamente falso.

O título é enganoso pois fai mención a unha posible ocultación da información que contén, o que nos incita á curiosidade, a pesar de que sabemos de vello que foi a curiosidade a que matou ao gato. E en cadea moitos blogs son os que re-reproducen e cualifican o artigo de subversivo ou algo parecido.

Buscando un pouco pola rede atopamos a referencia orixinal do artigo, que foi publicado o 6 de setembro no xornal económico Wirtschaftswoche, cunha liña editorial próxima ao Christlich-Demokratische Union Deutschlands, CDU (Unión Demócrata Cristiana de Alemaña) partido que se autodefine como demócrata cristián, liberal, conservador, membro do Partido Popular Europeo e que ten como líder a dona Angela Merkel. O referido artigo é unha breve crónica da visita oficial de Merkel ao Estado español, só que ao final, un comentario indica que artigo completo sae nun xornal económico español e noutros alemáns.

Así é como se pode seguir a pista do artigo distribuído no xornal español, asinado por Claudia Muller e Roberto Centeno, que non é outro que ultraconservador catedrático de Economía da Escuela de Minas da Universidade Politécnica de Madrid, frecuente contertulio de Intereconomía e EsRadio.

Deste xeito podemos comprobar como as redes sociais son utilizadas para reenviar información encapsulada, chea de veleno, vestida de subversiva e rebelde, tras unha cara amábel e estranxeira, polo tanto......moi competente?, criticando a ocultación da información no Estado Español, mentres que na Alemaña libre, ultraliberal e capitalista, todos son coñecedores do que aquí se oculta. Mais non só nas redes sociais. Tamén nos medios tradicionais proliferan ás veces columnas cheas de propostas aparentemente críticas, ou subversivas, que na realidade acaban por facerlle o caldo gordo ao sistema capitalista.

Se lemos o artigo asumindo que é unha crítica á situación do Estado, acabaremos tirando a conclusión de que hai que botar por terra o estado autonómico e o sistema de partidos, porque iso é o que se pretende. Esa é a obsesión, atacar o nacionalismo, que o coautor comparte con UpyD, para quen parece anunciou o seu voto.

Así, máis alá do debate socio-político que abren os articulistas, o cal dende a nosa óptica do nacionalismo galego non ten o máis mínimo interese, ábresenos un novo debate: como dispoñer dun sistema antivirus ou cortalumes que nos defenda da borralla disfrazada de progresía. Non hai outro que a lectura dos artigos completos, non só do primeiro parágrafo, a análise crítica en plena lectura, a procura e o contraste propio de información e construír a nosa propia opinión.

Como Cicerón, non podemos calar esta denuncia porque entón estariamos corrompendo a verdade.

Alfredo López