Opinión

A Comisión Europea pon a Galiza en situación límite

A decisión da Comisión Europea sobre o tax lease é un novo golpe de Bruxelas á economía nacional galega


A decisión da Comisión Europea sobre o tax lease é un novo golpe de Bruxelas á economía nacional galega, con 15.000 postos de traballo na corda bamba. É moi importante repararmos en que se trata dunha decisión por consenso, adoptada co respaldo dos correlixionarios europeos de PP e PSOE. O PP está a focar toda a atención no comisario da Competencia, por levar o carnet do PSOE no peto, mais os seus colegas europeos votaron o mesmo que Joaquín Almunia.

Chove sobre mollado. Nas condicións actuais, e custa imaxinar outras partindo de quen ten a hexemonía sobre o escenario, esta Unión Europea non nos interesa ás galegas e aos galegos. Non permite o desenvolvemento da nosa economía. Tennos atribuído desde o principio o papel de consumidores e produtores dunha mercadoría chamada forza de traballo ben formada e barata, rumbo á emigración. Non lles interesa nin que produzamos leite nin que pesquemos nin que construamos barcos. Non lles interesan os nosos sectores, as nosas especialidades produtivas. Galiza sóbralles.

Mentres non sexamos conscientes como país de que existe unha radical incompatibilidade entre o noso desenvolvemento nacional e as políticas que se deseñan en Bruxelas non virán a ter solución os nosos problemas colectivos. Galiza ten dereito a vivir dignamente do seu traballo e a desenvolver as súas forzas produtivas. Non é tolerábel que órgaos con enormes déficits democráticos como a Comisión Europea adopten decisións que amputan capacidades de produción de riqueza na nosa nación.

As axudas non poden ser ilegais ex post. Cando foron concedidas, eran plenamente legais. Tería de ser o Estado español o que asumise o custo da factura

Argumenta sofismaticamente Almunia que as axudas ilegais non as terán que devolver os estaleiros, mais si os investidores. É un argumento trampa, porque  desincentivar o investimento nun momento de esganamento do crédito (produto de que a banca prefire xogar ao casino antes de que prestar diñeiro) é tanto como asfixiar financeiramente a todo un sector industrial. En todo o caso, as axudas non poden ser ilegais ex post. Cando foron concedidas, eran plenamente legais. Tería de ser o Estado español o que asumise o custo da factura, e non Galiza, pois foi o Estado o que produciu esa lexislación.

Na realidade, isto non estaría pasando se os pagaos básicos desta cuestión non fósemos nós. A multa a pagar por esta decisión da Comisión estímase en arredor de 2.000 millóns de euros. Desa cantidade, o 61% correspondería a estaleiros galegos, o 38% a Euskadi e apenas o 2% a plantas industriais asturianas. Este é un problema basicamente de Galiza e xa sabemos o peso político que temos no Estado, entre outras cousas porque o presidente da Xunta non exerce como tal e inviste o seu tempo exclusivamente en tentar saír da lama en que o deixou Marcial Dorado.

Esta Unión Europea non nos interesa ás galegas e aos galegos. Non permite o desenvolvemento da nosa economía

En defensa do sector naval ten habido xa reacción social en Vigo e Ferrol. Mais este non é un problema comarcal. É un problema nacional. Galiza está xa ao límite de resistencia. A reacción, a partir de agora, ten que ser contundente.

Comentarios