Opinión

Clase obreira

Eu só traballei en dúas cousas, unha fágoa dende hai bastantes anos (xornalista) outra fíxena un tempo hai moitos anos (camareiro). En todo caso, se me preguntan que son sempre respondo o mesmo: son obreiro.

Eu só traballei en dúas cousas, unha fágoa dende hai bastantes anos (xornalista) outra fíxena un tempo hai moitos anos (camareiro). En todo caso, se me preguntan que son sempre respondo o mesmo: son obreiro. Porén, estou seguro que a gran maioría dos meus compañeiros e compañeiras do xornalismo ou case tod@s @s que se gañan a vida na hostalería dirían algo distinto, non se ven a si mesmos como obreir@s, non identifican esa clase como a súa. Incluso haberá que cualifique esa denominación como “pasada de moda”. Non obstante, a presente crise demostrou que, en contra das mensaxes que envía o réxime, as clases sociais aínda existen e segue a haber unha loita entre elas. De aí que, valla como exemplo, o labor os sindicatos de combate, xunto a outros moitos movementos, manteña neste tempo toda a súa importancia. De anacronismo, nada. Para iso, reis e papas.

Outra historia son as variadas formas que adopta na actualidade a clase obreira, que a día de hoxe, se nos poñemos un pouco repugnantes, tamén se presenta en versión 2.0. @s obreir@s xa non están só en fábricas, senón que ocupan milleiros de espazos máis, tamén dentro desa sorte de holograma bautizado como clase media. Os obreiros xa non se poden identificar só polo quinto de cervexa e a camisa barata, senón que algúns tamén beben eses famosos gin tonics con berzas ou locen modelito cando lles peta. É unha clase plural e feminina, levando elas sempre a peor parte. Pertence a ese chanzo onde se atopa o máis valioso e concienciado da sociedade pero tamén capas descerebradas, rendidas sen armas de defensa aos mediocres valores que lles inxectou o sistema. Un deles, nun bombardeo que obtivo certo éxito, foi o de conseguir que a maioría da actual clase obreira non se sinta pertencente a ela. Porque os poderosos saben que a eliminación desa conciencia garante o seu éxito e significa a nosa tomba.

"A presente crise demostrou que, en contra das mensaxes que envía o réxime, as clases sociais aínda existen e segue a haber unha loita entre elas".

Por se hoxe, unha vez máis, teño mal o día para explicarme, mellor cito ao profesor Terry Eagleton: “Que os altos executivos das empresas leven hoxe zapatillas deportivas e escoiten a Rage Against the Machine e supliquen tarefas aos empregados dicindo 'venga, corazón', non significa que as clases foran varridas da terra. (...) O capitalismo avanzado xera imaxes enganosas dunha suposta ausencia de clases (...) A clase obreira non sempre é masculina, musculosa e hábil no manexo de martelos. (...) A clase obreira inclúe máis ben a todas aquelas persoas que se ven obrigadas a vender a súa forza de traballo ao capital, que malviven baixo as opresivas disciplinas deste e que teñen escaso ou nulo control sobre as súas condicións de traballo. Polo tanto, son quen máis sairían gañando coa caída do sistema. (...) Ademais da clase obreira industrial hai outra que inclúe administrativos ou técnicos sen ningunha autonomía ou autoridade. A transición dende o capitalismo industrial a un de consumo, postindustrial ou postmoderno comportou cambios, sen dúbida. Pero ningún deles modificou a natureza fundamental das relacións de propiedade capitalista. (...) Paga a pena lembrar que o traballo no sector servizos pode ser tan pesado, sucio e desagradable como o traballo industrial tradicional. Os que traballan en centros de atención telefónica están tan explotados como quen extrae carbón na mina”.

Pois iso, que puiden aforrar todo o escrito e limitarme a citar a Eagleton. Se cadra, logo de tantos anos xa non dou para o xornalismo e debería buscar traballo noutra cousa, como na hostalería. Pero escribindo artigos ou poñendo copas mantería clara unha cousa: por moito conto falso que me vendan dende arriba o10 de marzo seguiría sendo o meu día. O Día da Clase Obreira Galega.

Comentarios